E164 Sendeiro do Baixo Lérez (Pontevedra)



Sol,07-03-010.

Amencía día nuboso e variable para esta xornada na que ía compartir e patear con Eivadiños. Xa había tempo!!. A noite anterior chamaba a Anxo para dicirlle que se me esquecera que non podía comer con eles, andaba eu ás voltas co meu derradeiro día de limpeza hepática e a partir das dúas da tarde xa non podía inxerir nada sólido. Así que quedamos en que lles saía a Ponte Bora para a hora do café. Non tiña nin idea de quen acudiría e tampouco me importaba demasiado, Eivadiños é así de impredecible, tanto pode ir un coma uns cantos, así que ás dúas da tarde xa estaba en camiño para reunirme con Anxo polo menos, é o único que tiña seguro.

Pero a cousa non estaba nada doada desta vez para o tema do xantar, cando cheguei aínda andaban ás voltas buscando sitio onde lles deran de comer, moito restaurante de estrada e todos pechados, e para un que estaba aberto, a rebordar, así que non lles quedou outra que pedir bocatas para todos e comer de pé ó aire libre mentres eu acompañaba cun cafeciño, na terraza do local. O Anxo "rusmaba" por aquí e por acolá, queixándose de que esta convocatoria estaba a ser un tanto atípica, mira que non poder sentarse nunha mesa a disfrutar dunha das partes importantes da fórmula Eivadiños!!!...., pero enseguida se lle pasou, que hoxe tiña o estadio cheo, nada menos que oito Eivadiños, e por riba máis da metade con poucas horas de sono, que a festa rachada da noite anterior foi cousa digna!!.

Así, por aí andabamos esta que escribe, Iolanda, Alex e Panete, Fani, Javivi e Nuria, e a alma mater do tinglado, Anxiño, ben cuberto da súa querida, estimada e valorada, cobertura emocional.

O Panete non estaba no seu mellor momento, case que estaba arrepentido de haber acudido pois tivera noite de aniversario con concerto Alféizar incluído, e non tiña o corpo para moita máis festa. Fani, tra-la noite de festa con baile contorsionista segundo os comentarios, tamén tiña o corpiño con falta de descanso. Iolanda e Alex eran os que presentaban mellor aspecto tra-la festa, Anxo estaba tan contento que se estaba canso non se lle notaba, e os únicos que pareciamos descansados eramos Nuria, Javi e máis eu, polo menos eramos os únicos que durmiran as súas horas, se é que algúns xa non estamos para segundo qué tipo de fiestukis, coma dicía Javi, ese tipo de eventos xa son máis excepción que norma para algúns.

Con esas e todo, coma bos camiñantes, demos o primeiro paso, que todo é empezar, despois un paso xa tira do outro e Natura empeza a facer acción, o persoal recibe aires que nutren, paisaxes que engaiolan, e os cansazos se botan a durmir a sesta mentres os corpiños e as mentes se relaxan no camiño. Lle dixen a Anxo que ía facer a crónica deste día, e moi solícito el, díxome que se quería información do roteiro que podía ir ao blog de Eivadiños, eu díxenlle que si pero xa sabía que ao final saleria o que tiña que saír, e isto é o que sae, información técnica ben pouca, información sentida, toda.

O camiño non estaba doado de patear, rochas esvaradías, terra húmida e mesmo zonas encharcadas. Moito subir e baixar e moito bo rollo tamén, aí ninguén se queixaba, e pouco a pouco iamos deixando que o ambiente nos envolvera. O Lérez ao noso carón todo o tempo, que augas máis cantareiras hoxe!!, qué crecida, os seus sons atrapaban a atención, e máis dun tropezón porque esa atención era necesaria para poñela onde pisabamos. E así é coma se ía facendo caminiño, a calor de conversas cálidas e divertidas, Nuria facendo unha disertación " ao paquete ", jeje...., cada quen que interprete o que queira...., Iolanda facendo pasos coidadosos cun tesón admirable e un ánimo estoico, Javivi con cen foguetes no cu, a este home aínda lle duran as forzas tras patear a vida en verso por terras tailandesas!!!, hoxe ía de primeiriño e a unha boa distancia do resto, pero a cousa non ía durar moito que ten unha reputación que manter. Alex disfrutando do camiño, apreciando o que este lle vai dando, Panete recuperando pouco a pouco as forzas grazas ao que ía recibindo da terra, e da auga, e de todos. Fani notando o cansazo dos excesos bailaríns da noite anterior pero con forzas suficientes, que Fani é moita Fani!!; Anxo contento, sacando fotos de todo o que os seus ollos inquedos captaban e revivindo outros tempos de baixadas en piragua por esas augas, a min se me antollaba iso unha odisea vendo os remuíños que se formaban e os tramos que se intuían perigosos a pesares de que non entendo moito sobre o tema. Eu, feliz con todo e con todos, a verdade é que tiña un sorriso instalado sen intención ningunha de irse a paseo, disfrutando do que escoitaba falar aos meus compañeiros e recollendo os beneficios dunha corrente de auga plena e poderosa que armonizaba a miña corrente interna, que fluía sen impedimentos de ningún tipo, case que lle emprestei ese fluír ao río, e maxicamente pasamos dunha zona de correntes exaltadas ao remanso do río Lérez cando se ensancha e se amosa repousado, cunha preciosa cor verde cheíña de matices acuosos que encandeaban a vista e os sentidos, espertando o desexo de fundirse nas súas augas, aínda que pensándoo ben....., qué frío!!!, quita quita, que paseando a carón do Lérez xa é dabondo por hoxe!!.

Chegados á Parroquia de San Benitiño do Lérez atopámonos con que non podiamos seguir, o camiño estaba cortado por obras, así que optamos por subir á Igrexa, aí Anxo e Miguel nos agasallaron coa famosa canción, bó dúo!!, soaban bonito e agradable ao oído con esas voces graves cantando armónicas. Uns cantos da tropa optaron por quedar abaixo, que iso non formaba parte do roteiro!!!. E media volta para cruzar a outra beira do río por unha ponte, quedounos un tramiño pequeno sen patear pero é que non había outra!!. Estabamos a ter sorte, a tarde nos agasallaba sen chuvia, a temperatura agradable e a compañía grata, qué máis pode un pedir para unha tarde de domingo?.

Conversas cheas de amizade, plans de facer escalada con Panete, propúxenllo a Anxo pero este estaba a rememorar tan bos momentos xa pasados que a súa resposta foi que había plans de facer rafting, jeje...., aí cada un ao seu tema..... Tramo bonito colgada do brazo do meu amigo, chanzas xerais a propósito do seu cuiño ben posto, el case que dicía que é o único que lle queda ben posto. Xa será menos amiguiño!!.

Regreso repousado e con sensación de ter feito os deberes, jaja. Non sen antes parar a tomar a cañita de rigor, acuarius, infusión e demais necesidades. Nuria e Iolanda facendo os seus estiramentos coma ten que ser. Conversa con Alex a propósito de fígados e riles, e de enerxías que precisan renovarse. E volta aos coches e a civilización. Unha máis no haber da historia de Eivadiños!!. Todos con mellores cariñas tra-la nosa andaina, coa sensación de haber recollido todo o que se ofrecía absolutamente gratuíto, tanto da terra cómo da auga, tanto da atmosfera coma de cada un de nós. E que curioso!!!, saímos enriquecidos!!.

Un día bonito compartido con xente bonita, a Anxo se lle caía a baba mirando semellante visión. Non puido evitar o comentario do ben que se sinte vendo cómo acoden os amigos para estar cos amigos, tras unha noite de excesos, aínda así, dicía, sempre acude algún. Eu penso que é porque saben apreciar o que un ambiente natural lles aporta, sen dúbida moito máis que quedarse na casa a vivir unha resaca, deste outro xeito, coma dicía Alex, un se recupera coa sensación de haber aproveitado ben o tempo, en boa compañía, en plena natura. A Anxiño aínda lle espera unha noite longa, empeza semana laboral nocturna, os demais, un por un, retirarse cada un á súa pola, que mañá xa será outro día. Grazas polo recibido amigos.

Que disfrutemos moitas máis, Eivadiños!!!.

Salo

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores