E72 Trilho da Cova da Moura (Monçao)



6 de marzo de 2008

Descripción do percurso e mapa.

Con esta pequena crónica experimento, de novo, unha sensación que tiña perdida fai moito tempo, como era a de expremir a cachola noutra cousa que non sexa o que me leva atormentando dende fai dous anos e que moi pouco a pouco vou deixando atrás.

De novo outro pateo, outra descarga de enerxía negativa, outra razón para sorrir e recuperar o disfrute que cústame atopar en tódalas cousas que antes me enchían. De novo, coma non, Anxo, fonte de enerxía inagotabel que me lembra inconscientemente que queda moito por disfrutar e que hai que vivir o día a día intensamente.

Coma si dun domingo se tratara, pero hoxe e xoves, día de laboura para a maioría dos mortais, saímos de Vigo as 9.30 cara a nosa veciña, pero cada vez mais integrada nas nosas vidas, rexión norte de Portugal coa intención de aproveitar este, en principio frío pero radiante, 6 de marzo de 2008. Mentres que as xentes de a pe lidian cos seus traballos, nos imos patear, ou esa era a idea, polo Trilho da Cova da Moura na rexión de Monçao.

Tras un par de voltas para atopar o inicio da ruta na Hermida da Boa Morte pertencente ó lugar de Milagres, comezamos a andar cara a zona do Castelo e da Cova da Moura, un ramal que aínda que está integrado nesta ruta, desvíase parcialmente da mesma. Este lugar caracterízase polos enormes cachotes graníticos que mesmo forman unha especie de fortaleza insalvable, polo tanto, supoño que o nome de Castelo ven de aí. Ó chegar ó pé destes molotes as marcas do rueiro esvaécense facéndonos dubidar por onde continúa a ruta para adentarnos na Cova da Moura.

Tras unha intensa busca decidimos voltar polo camiño andado para enlazar de novo na desviación tomada e poder rematar o percorrido que tíñamos prefixado. Nas nosas cabezas imaxinabamos como sería esa Cova da Moura e facíanos andar con dificultade pensando que estábamos marchando de aquel lugar que estaba tecido de algo máxico, e a bo fe que así foi. Ó pouco atopamos a un lugareño que estaba agochado tras dun muro que limitaba a súa leira facendo algo na terra ou nas viñas que non logrei ollar ben.
Anxo preguntoulle onde se atopaba a famosa Cova da Moura e o noso convidado indicounos con bastante claridade por onde tiñamos que ir. Sen pensalo dúas veces iniciamos raudos a ascensión do monte cara ó noso obxectivo atraídos por unha estraña obsesión que non era outra que non marchar de aquel fermoso lugar sen adentarnos nas fauces da nosa Moura.

Comezamos a busca da nosa ventá ó descoñecido e buscamos, buscamos, as xestas e as silvas impedíanos a busca pero nos, seguíamos buscando, parecíamos mais dous cans de caza que lles cheira a coello intensamente e que ansiosos anda na súa procura, que dous camiñantes que ían facer unha ruta. (A frase “andas perdido coma un can”, éche ben certa). En fin, que a moura estábanos a esquivar coma si non fora o momento oportuno para recibirnos.

Sen saber ben onde iamos, a nosa ascensión, con algunha dificultade levounos á conquista da fortaleza e así tamén por si houbera sorte atacar a Moura pola retagarda. No cumio erguíase unha cruz cunha inscrición que non chegamos a descifrar por completo. Dende alí dominábase a paisaxe nos seu 360ª e podíase adiviñar o rueiro que xa non nos daría tempo cubrir polo que vos conto da Moura.

Calculando o tempo que tíñamos para voltar, xa que Anxo traballaba ás 15:00 na súa alfándega de Frioya, decidimos descender e deixar para outro día a procura da Moura.

Cando voltábamos e pasamos perto do lugar indicado polo lugareño, fixemos outra parada e os nosos corpos convertéronse en cans de novo para rastrexar sen éxito o lugar.

Penso que estivemos unha hora e media dando voltas polo mesmo sitio atrapados polo feitizo da Moura, pero cando chegamos ó coche para volver a casa parecía que os nosos corpos andiveran mesmo ás carreiras durante tres horas.

Facendo a promesa firme de que esta aventura soio fixo que comezar e quedando para outro día, quen sabe si con mais tropas, a conquista da Cova da Moura, o noso carro lévanos dereitiño e sen dubidalo, coma o cabalo que ten gravado o camiño do abrebadeiro, a recargar as pilas coa malandrina do Stop.

Por certo, temos despistadísimo ó noso vello camareiro preferido deste restaurante, xa que nada mais sentarnos á mesa o tipo miraba para nos e para o calendario. ¿Hoxe e xoves e estes por aquí.?. Segue a negarse a atendernos.

Xa remato a miña pequena, pero chea de emocións, crónica deste día atípico de pateada.

Gracias Anxo.

Panette, 6 de marzo de 2008

E71 Trilho do Castelo da Furna (Valença)


Domingo, 2 de marzo do 2008

Xa facía ben tempo que non espertaba con area do deserto na gorxa, coas pernas de madeira carcomida e cun feixe de teas de araña cubríndome os ollos, ou sexa, cunha monumental resaca, froito das horas pretéritas na compaña dos meus satánicos amigos.

Na miña cabeza aínda segue Alex aporreando contundentemente a batería, e Ozzy segue berrándome as súas verbas crípticas e provocadoras, mentres Mariscal empeñase en arrancar das cordas da súa guitarra unha treboada do carallo.

Non botarei a culpa do meu pobre estado ó concerto de Spina Fecunda, nin tan sequera ás nostalxias da miña metade, senón á miña asertividade, ou sexa, á miña inclinación a dicir que si, cando tería que dicir que non. Aínda con estes prolegómenos sorríolle ó espertador, ou polo menos o intento, coas ganas de volver ás terras portuguesas para seguir sementando as miñas pegadas, confundidas se teño sorte, cas dos meus afíns.

E sorte teño, porque anímanse Ramón e Yuka, pulando sempre por seren os máis simpáticos, e Miguel, que coma sempre ven con ollos mariñeiros, e para completar o comando, e mesmo para comandalo se fai falla, o centenario Zalo, que non é que sexa tan vello, senón que na véspera acadou o numero cen das súas saídas do Club de Camiñantes.

Damos un pequeno rodeo polo Val de Louriña, xa que hai quen sitúa, erradamente, a parroquia de Mosende no concello fronteirizo de Tui, cando é ben sabido que está no de Porriño, e deixamos alí a unha eivadiña que entre unha churrascada e nós elixe, con bo acerto, o churrasco, e de camiño temos a ocasión de ver a mansión do Barros, antigo cacique local, ó que lle falta en gusto o que lle sobra en quilos, e tamén somos testemuñas do protocolo da Guarda Civil para desbrozar estradas rurais, polo que confirmamos que SOS que suspenden o exame entran no benemérito corpo.

Cando chegamos ó noso templo gastronómico, o Stop, xa temos a vangarda co primeiro prato, un caldiño de verzas, e so temos que sentarnos a encher o bandullo cunha boa dose de arroz malandro, mentres eles rillan de segundo unha fonte de lulas grelhadas.

Que cousa boa insistir nos praceres da carne, penso, mentres o meu corpo se recompón do exceso de troula e do déficit de sono, e sentir como a malandrina te recorre as veas mentres os colegas fan un inventario de sendeiros, recorridos ou por recorrer. Xa co corpo un pouco, so un pouquiño, máis composto, internámonos no interior do concello de Valença, para facer uso da súa rede municipal de percursos pedestres, xa que eliximos o Trilho do Castelo da Furna para encher o domingo de motivos, e agochar as pantasmas das guerras nas que sempre saímos vencidos.

Ó Zalo, para quen a xeografía lusa non ten xa demasiados segredos que gardar, condúcenos ata a freguesía de Taiâo, aínda que temos que dar unha voltiña para atopar a súa Igrexa Parroquial, de onde sae o sendeiro, xa que son dous os núcleos rurais que teñen ese nome: Taiâo de Baixo e Taiâo de Cima, nese último lugar deixamos os vehículos, pertiño do Museu Rural, e da estatua de Santa Marinha baixo o que está gravado o lema: Deus, Patria e Familia, que ven podería ser o slogan da democracia cristián portuguesa.

Nós non temos moita fe na santiña, así que facemos os nosos estiramentos dándolle as costas, cos ollos soñadores cara as montañas que rodean o lugar, e que intuímos entre unha néboa que os meteorólogos de internet non detectaron, e que vai a ser a nosa compañeira de viaxe.

Deseguida votamos a andar polo firme alcatreado, e ós poucos metros os sinais indícanos un desvío polo que nos internamos nun camiño que discorre por unha densa masa forestal onde o eucalipto e a especie dominante. Para que a visión desta praga non incida no noso ánimo Miguel proponnos unha sorte de adiviñanza matemático, que Zalo deseguida resolve e contraataca con outra un pouco máis complicada.

Desátase así o interese polos números en toda a tropa, agás en min que non teño a cabeza para cálculos, e van enlazando un problema con outro mentres o camiño avanza pola aba dun outeiro no que desaparecen os árbores, maiormente por efecto do lume, e déixanos unha panorámica do pobo para constatar que, entre números e sorrisos fomos gañando algúns metros de altitude. E máis que nos quedan, porque despois dun bo treito no que o desnivel é case imperceptible, e avanzando polo monte pelado, e sen embargo ben bonito pola floración dos toxos, as marcas do trilho diríxennos ata unha forte pendente, unha especie de cortalumes que, loxicamente, está en desuso.

Por esta costa de cachotes de pedra vou abrindo a billa para que dos meus poros saía o exceso de alcohol da noite anterior, mentres no bandullo van queimándose os feixóns do malandro, como nas mesmísimas caldeiras do inferno.

Menos mal que os meus compañeiros teñen máis folgos que eu e déixanme atrás, xa que na combustión, necesariamente, sempre sae algo de gas, e non quero que saian feridos polo amigo. Agrupámonos ó final do barranco, enlazando con outra pista onde se volve a suavizar o desnivel, e onde atopamos algunhas vacas pacendo en liberdade, e para non metela pata ca raza pregúntolle a Zalo ¿Cachenas ou Barrosâs? o que, para foder, contéstame que nin unha nin doutra, e que máis ben serán rubias galegas, aínda con matricula portuguesa. Será... si o di o meu amigo que entende máis de gando que eu non llo vou a discutir.

Tamén volvemos atopar pequenas agrupacións de piñeiros, entre unha néboa cada vez máis espesa, e nun cruce de camiños, gravado a coitelo en tres troncos Yuka distingue o número de besta: 666, e lembrase da Criatura, que a esas horas debe estar erguéndose do seu ataúde.

Esto dálle pé ó grupo para polemizar sobre os programas televisivos sobre enigmas e misterios sen resolver, xa que agora un tal Iker Jiménez parece que colleulle o revelo o Jiménez del Oso ¿será o seu fillo? ¿estarán outra vez de moda os platillos volantes, o triangulo das Bermudas, e as aparicións marianas?.

Con estes temas chegamos a un punto onde, xa era tempo, o camiño comeza a descender, xusto onde hai un sinal de Punto de Auga para aprovisionamento dos helicópteros e carros de bombeiros, pero non podemos admira-las vistas que, intuímos, hai dende o alto, xa que a néboa que nos acompañou ata aquí impídenos ver máis ala das nosas narices.

Quizais esaxero, xa que mentres descendemos podemos albiscar entre o manto grisaceo un muro baixo de pedra, que Zalo identifica deseguida como unha coutada, esto é, unha parcela pechada. Agradecendo que o noso caudillo sume unha verba máis ó noso vocabulario, chegamos a unha planicie onde vemos un vehículo, e non un todoterreo precisamente, que segundo Yuka viu ata aquí para que os seus ocupantes se dedicasen a actividades socioculturais.

A verdade é que teño escoitado unha chea de termos para referirse ó que se estaba referindo a miña amiga, pero nunca escoitara tal, polo que teño que revalidarlle o titulo de “a muller máis simpática do mundo”, aínda que Ramón teña o seu punto graciosillo, como di ela.

Pero non, aquí equivocouse, porque aquí atopase o Castelo da Furna, un estraño bosque de pedra onde xigantescos bloques de granito, moitos encastrados entre eles, constrúen curiosas formacións xeolóxicas das que, a pesares de que nin tan sequera o Zalo, gran coñecedor destes territorios arraianos, tiña coñecemento.

Camiñamos entre estes ciclopes inmóbiles que a néboa tenta agocharnos, e todos temos no pensamento a idea de retornar cando as condicións meteorolóxicas sexan máis favorables. A zona incluso ten unha fonte de auga potable, e unhas mesas rústicas ó abrigo de dúas grandes rochas, ideais para un almorzo montañeiro.

Saíndo do recinto o de Paramos relátanos unha anécdota acontecida no seu país, cando unha vintena de rapaces decidiron tirar a rodar unha pedra de gran tamaño por un outeiro para abaixo, con gran de risco para os parroquians que, ignorantes desta fazaña, estivesen nas súas leiras, e que deron cos seus osos no cuartelillo para escarmento, e para que se vese que o de mover as pedras de sitio so podían face-lo os donos das canteiras.

Descendendo dende os 662 metros de altitude do Castelo vaise disipando a néboa e déixanos ollar unha paisaxe singular, no que abundan os enormes bolos de granito en precario equilibrio, ou ben agrupados formando fortalezas de seres mitolóxicos, mentres Ramón cóntanos un conto dos seus, con ese humor particular que, seguramente, foi quen de conquistar os primeiros sorrisos da súa dona.

O certo é que a xente nesta xornada estaba especialmente inxeniosa, e tanto lle daban as adiviñas matemáticas, como os chistes picantes ou as leccións de gramática, polo que deducín que durmiran as súas horas e que lles prestara, non coma un que eu sei. Mesmo deunos por deternos a contemplar a marcha da procesionaria, e a romper varias veces a súa formación ca única intención de comprobar como volven, en pouco tempo, a restituíla.

Ó continuar a marcha adquirimos unha ampla panorámica do territorio polo que camiñamos, outeiros desarborados, onde o toxo é a especie predominante, e un universo de pedra que é explotado por dúas grandes canteiras, ó lonxe divísanse algúns pobos, dos que ignoramos o nome, o que causa desazón no Zalo, que está pisando terras incógnitas.

Botase de menos, eso si, unha boa cartografía do lugar, xa que o folleto do concello de Valença sinala so catro puntos de referencia, e no medio deles, ou sexa onde estamos agora, nada. Nin tan sequera está sinalado o Ribeiro da Felgueira que, internándonos nunha pequena fraga, cruza o camiño, e onde nos detemos a contemplar como cae a auga sobre a pedra, e os restos dun par de muíños invadidos polas silveiras, cubertos de esquecemento.

Deixando atrás os enxenios hidráulicos, ou o que queda deles, chegamos ó lugar de Quebrada, 310 metros sobre o nivel do mar, un deses pobos onde o tempo parece que se detivo, mesmo podemos observar algunha casa señorial que correu a mesma sorte que os muíños, onde se nos detiveramos o tempo necesario poderíamos escoitar os pantasmas daqueles que a habitaron, aínda que é mellor non tentar a sorte.

Dende aquí saímos a unha estrada, que comunica este núcleo co de Melim, e nese tramo de asfalto, que para máis toca de subida, volven a pesarme tódolos excesos da noite anterior. Menos mal que outra vez nos internamos no monte, aínda que sexa de eucaliptos, e que dende alí temos unha fermosa visión do Miño que, por mor do reflexo do sol, semella de ouro líquido.

Dende aquí a Taiâo de Cima, onde temos os nosos coches, xa non queda moito que andar, e as catro horas e media que marcaba o folleto quedaron ben cumpridas, e nós, cansos pero contentos, pensando nos chocolates e galdrumadas que nos esperaban en Valença. E así foi, e así volo conto, para que sigamos xuntando memorias.

E70 Sentiero della Diga de Marsico (Val d’Agri)

Martes, 19 de febreiro de 2008

Desemboco noutra mañán amable atrapando os restos que a tenrura teceu nos meus soños, mentres a encaixeira que labrou as sedas que me fan cóxegas nas veas recorre as casas do val veciño, repartindo pensións, epístolas publicitarias, facturas, ou un puñado de letras para combater as nostalxias.

Salgo ó balcón e me deixo abrazar por un sol de primavera que me traspasa e inunda a habitación, arrancándome coas súas caricias de lume un cardume de sorrisos, e nas miñas pupilas titilan os cumios vernizados de nácar, recortándose contra unha cúpula descaradamente celeste. Son por natureza desconfiado, así que, como na véspera, volvo a cubrirme con varias capas de roupa, para insistir na búsqueda dos camiños que me permitan recorrer esta xeografía incógnita da Basilicata.

Almorzo con fame montañeira, a base de succo d’aranccia, latte con neskuik, panne al’oleo con confettura di albicocche, e una mela, e con este combustible no estómago, tranquilizados os coleópteros insomnes que seguen demandando a calidez das sábenas, baixo as soleadas rúas marsicanas co ánimo de aproveitar a xornada matinal, espertando as miradas curiosas dos seus habitantes, quizais pouco habituados a ver a un da miña especie, si é que existe algunha na que se me poida catalogar.

O certo é que estou bastante desorientado, e non sei que dirección tomar, nin en que sentido, así que decido subir ata o máis alto do núcleo urban para otear algún vestixio de sendeiro, o polo menos ter unha primeira referencia de cara onde dirixirme. Así chego a Cattedrale di San Giorgio, cunha fachada austera que semella que sufriu os efectos dun bombardeiro e que se atopa en fase de rehabilitación.

Anexo ó templo está tamén o Palazzo Vescovile, onde pese a que tamén se atopa inaccesible polas obras podo admirar a belísima obra de cantería do seu portal, e que en tempos albergou ó seminario diocesano.

Dende a magnifica atalaia que me ofrece este lugar podo admirar parte dos Appenini Meridionali, que forman parte da cadea montañosa Pierfaone-Lama-Volturino, así como boa parte do Vall D’Agri, sobre o que se asenta o pobo.

Tamén aquí observo a clara división do paese: no alto atópase o centro histórico, co seu aspecto medieval, cheo de restos de murallas, torres e preciosas igrexas; e abaixo a parte moderna que se estende sobre dous outeiros, ata atoparse coa Diga de Marsico, unha gran balsa de auga que abastece a poboación, e que de seguida esperta o meu interese, máis que pola presa polos bosques frondosos das súas ribeiras.

Descendo polas empinadas rúas que rodean o complexo arruinado formado pola catedral, o palacio e o Convento di San Francesco, pertencente á orden franciscana dende 1806, e que orixinariamente foi o castelo dos condes, e a súa igrexa, agora exconsagrada, está habilitada como teatro.

E ao pouco atópome abandonando o núcleo urbano, camiñando pola estrada que discorre á par dunha alambrada que me impide o acceso ó pantano, pero como non me apetece demasiado a posibilidade de alongar a mañán sobre o asfalto, e non vexo outra posibilidade de acceder ó monte dende aquí, traspaso a entrada ás instalacións do recurso hidrográfico, xa que ten as portas abertas de par en par, e a mirada indiferente dun can, mais folgazán que gardián, non me impide continuar.

Como ninguén me detén, nin cuadrúpedo nin bípedo, diríxome con paso firme cara ó pantano, que se atopa moi minguado na súa capacidade, polo que podo adiviñar nas calizas grises diseminadas polas súas ribeiras, mentres constato a miña fascinación por este tipo de lugares, unha atracción que me esperta algunhas contradiccións ideolóxicas.

Neste pequeno mar artificial, no que se reflexan as montañas nevadas que gardo na miña retina para mellores ocasións, e a parte máis moderna da poboación lucana, destaca coas súas tonalidades esmeraldas sobre a pátina marón da fraga formada maioritariamente por querce e castagne, e sobre o contorno gris das súas beiras, colonizadas por centenares de pedras diseminadas, que lle confiren un aspecto lixeiramente lunar.

Recorro os marxes do encoro aloxándome da carreteira interior que se dirixe á parede negra da presa, para non espertar o celo dos seus vixiantes, no caso de que existan, e descubro un pequeno sendeiro que se dirixe ó extremo oposto, alí onde a vexetación é máis frondosa, e abundan os alisos e outras especies vexetais que colorean, aínda máis, esta paleta digna de un inspirado pittore (o pittrice, para se politicamente correctos).

Nesta zona desemboca un canal, que surte de caudal ó pantano, e preto del abundan os xuncos, cardos, canavais e a vexetación típica deste tipo de humedais.

Subindo por esta conducción de auga volvo atopar a alambrada, e unha porta de madeira, pechada cunha gran cadea, sobre a que leo a seguinte advertencia: “Consorcio di Bonifica, Alta Val D’Agri, Diga de Marsico Nuovo, Limite Invalibabile.” Non teño que pensar moito para traducir esta última parte, que está escrita en grandes letras vermellas, para tomar a decisión de abandonar o recinto acotado, para non tentar máis a sorte i evitar así calquera incidente cos carabinieri.

Antes de darlle as costas á poboación lucana, repaso un pouco a súa historia, recollida da pequena guía que tiveron a ben ofrecerme na casa consistorial: a lenda di que nunha primavera sagrada un grupo de Marsi xuntáronse nesta zona fundando a antiga Abellinum Marsicum, e que a città formou parte da liga contra Roma durante a guerra sociale.

No século X converteuse en sede arcebispal ó ser esta transferida dende Grumento, provocado pola súa destrucción por parte de razzias sarracenas. Pola súa posición representou, durante a dominación longobarda, unha das máis importantes prazas fortes do principado de Salerno. O derradeiro conde de Marsico, Ferrante Sanseverino, entrou en conflicto co virrei de Napoli, e foi exiliado no ano 1552 e os seus feudos postos en venta, comezando a decadencia do enclave.

Con estes datos na cabeza comprendo o porqué das construccións no alto do outeiro, para facer fronte ás continuas invasións dos romanos, longobardos, sarracenos, españois e quen sabe se algún máis, e sigo o meu camiño sen máis afán conquistador que o de cartografar mentalmente os seus camiños, para engrosar o meu modesto tesouro de xeografías incógnitas. Discorro por unha pista forestal na que os charcos forman unha espesa capa de xelo que o sol, a pesares de non ter nin unha sola nube que filtre os seus raios, non é capaz de desfacer. Aínda que este feito constituía unha das sorpresas máis agradables da andaina.

Un destes grandes espellos anúnciame a entrada nunha fraga de alisos, bidueiros, carballos e castiñeiros, e tamén o cruce do Fiume Agri, e me interno nas súas marxes ante a evidencia sonora dun salto de auga.

Non erro, xa que ós poucos metros do camiño atópome con un muro artificial polo que se precipita, dende un par de metros de altura, o río, formando unha bela cortina de auga. Pero esto non é todo, xa que a metade desta cortina está solidificada, formando estalactitas de diversas dimensións, que forman en conxunto unha paisaxe digna de deterse ante el para capturar na memoria dixital.

Medio centenar de disparos despois continuo polo camiño que se interna na masa forestal, cunha espesura que me agocha totalmente a visión da diga, e tamén da città, impórtame pouco xa que neste tramo é outro anaco do paraíso, onde as miñas veas respiran a paz que só atopo nos espacios naturais e nos litorais que forman os meus soños.

Aínda me acerco ata outro salto de auga, buscando a foto perfecta, aínda que este escenario non sexa tan belo como o primeiro, parece que escoito a eterna cantinela de Ramón Trecet: “Buscar a beleza, porque é a única protesta que paga a pena neste asqueroso mundo”.

Recorrendo esta fraga enfeitizada sigo repasando a historia marsicana e así entérome que no 1638, cando desapareceu o virreinato, a città foi novamente posta á venda e adquirida pola familia Pignatelli que tiñan o título de príncipes. No 1647 un tumulto popular adherido ó motín revolucionario de Masaniello convulsionou á poboación,e o príncipe Francesco Pisnatelli deuse áfuga cos seus.

Douscentos anos máis tarde, no 1857 un terrible terremoto asolou as terras da Basilicata e Marsico Nuovo sufriu tamén os seus efectos devastadores. As olladas migratorias que seguiron ás dúas guerras mundiais acrecentaron a decadencia e o abandono do seu núcleo urbano, que agora intenta traer novos estímulos para o seu crecemento demográfico e económico.

Mentres me informo do pasado deste lugar investigo sobre o seu futuro, ou máis ben sobre as posibilidades que me ofrecen estes bosques, montañas e vales que forman o seu patrimonio máis prezado, polo menos polo que a min se refire, xa que atopo os sendeiros nun estado excelente para a práctica do sendeirismo, tanto aquí, no contorno da Diga de Marsico, como nas montañas que separan o enclave do Vall de Pergola.

Deixando atrás a masa forestal de carballos, alisos e castiñeiros, e despois dun pronunciado descenso, chego á base do dique, e un pouco máis adiante a unha ponte metálica que cruza reducido cauce do Fiume Agri, dende onde constato o forte desnivel que me separa do meu punto de partida, xa que a Cattedrale álzase máis de douscentos metros sobre a miña cabeza, e baixo dela unha formación rochosa que me fai desistir de calquera intento.

Así que continuo no cauce do río, coas ribeiras sementadas de todo tipo de lixo, onde se atopan varios campos de cultivo e os parroquianos parece que teñen a tradición de botar ó río todo aquelo que non /lles serve, lavadoras incluídas. É unha pena, porque o sendeiro invita ó paseo, aínda que o concepto que poda ter eu de camiño, e o uso que me suxeriría, sexa moi diferente ó que teñen os lugareños, para os que é un simple paso cara as súas terras.

Sexa como fora, cando alcanzo unha segunda ponte, atopo unha rampa de asfalto cun pronunciado desnivel, e lévame atravesando escarpados campos plagados de oliveiras, ata a oficina postal onde traballa a miña Piccolina. Xa só me queda reunirme con ela, para reeditar as nosas tenruras, e contarlle dos meus achádegos no entorno no que discorren os seus días, e parte dos meus, e volver proxectar outros camiños, e outros días...






E69 Sentiero San Vito – Marsico Nuovo (Val d’Agri)

Luns, 18 de febreiro de 2008



Ás veces sucede, e do xeito máis insistente nos derradeiros tempos, que esperto e sigo soñando, como se as redes que teceron eses soños me atrapasen e xa non puidera abandonalos. Afortunadamente, estes soños son doces, e non me importa seguilos máis alá do amencer, e sorrir a un novo día abrazado a esa suma de motivos que teño entre os brazos. Si, outra vez esperto e a Ítaca que buscaba nos meus soños converteuse nunha criatura que se aferra ós meus osos, como unha enredadeira cariñosa, mentres o espertador nos grita obrigacións menos oníricas.

Así que mastigo os restos da noite baixo as mantas, mentres as cartas reteñen as caricias das pegadas que tamén levo eu impresas nas costas. E ás nove, como un resorte, salto da cama e, antes de que me atrape o frío que azouta estas terras da Basilicata, póñome varias capas de roupa para afrontar os retos que me propuxen para esta xornada: improvisar unha ruta sendeirista polas montañas que vexo dende o balcón da miña casa lucana.

Chego a tempo de alcanzar o coche do reparto postal de Marsico Nuovo, e que a preciosa carteira que fai a ruta do Val de Pergola teña a ben trasladarme, despois de facer un breve recorrido por illados núcleos rurais onde aínda o sol non desaloxou á neve, escenarios naturais de unha película de Passolini, ata o pequeno lugar de San Vito, famoso polo seu entolecido baile rexional, onde poñerei a proba as miñas dotes de explorador siux e, porque non dicilo, tamén a miña sorte.

Dándolle as costas ó Campi di San Vito, de extensas praderías verdes, salpicados de carballos o castiñeiros, sigo un sendeiro que se dirixe á montaña. Nel teño o meu primeiro contacto coa poboación local, xa que un todo terreo que leva a miña mesma dirección se detén ó meu lado e me pregunta: “Posso passare da questa parte? Si può andare da lì?” ó que me vexo obrigado a respostar: “No lo so, io sono straniero”. O home insiste, porque non lle importa de onde son, el só quere saber se pode continuar: “Però, posso pasar?” así que lle digo, xa con cara de mosqueo: “Non capisco, io sono straniero”.

O tipo arranca a súa macchina con cara de poucos amigos, ou sexa coa que naceu, e deixa tras de si un regueiro de bastos anacos de xeo, despois de atravesar un charco xeado que se estendía nun par de metros polo camiño.

Ás beiras aínda queda neve, e as plantas que sobreviven a este clima de extremos é bastante curiosa, e espeta un inusitado interese botánico en min, así que fotografo as distintas especies, para buscalas despois no proceloso mar da rede, á vez que lamento non ter ó meu lado o Doutor Barros, o experto en botánica que non chegará ata mañá.

Ó pouco tempo o camiño ascende, ata acadar unha vella explotación mineira onde se detivo o todo terreo, onde o conductor fai tanto por ignorarme como eu a el. Parece que os dous temos mellores cousas que facer que practicar idiomas con alguén que non nos cae simpático á primeira.

Eu continúo por un sendeiro que se interna nun caos de caliza, con miles de pedras diseminadas por todo o monte, e non tardo demasiado en acadar o seu cumio. O teito do Monte San Vito é unha agrupación pechada deses bloques de caliza, bastante venteada para o meu gusto, e onde podo compoñer un itinerario a seguir nas próximas horas, para recorrer estas montañas amables da rexión da Basilicata.

Descendo, despois de disparar unha ducia de fotografías cara o val e os cumios veciños, e o fago entre o caos, mais pronunciado, como a súa pendente, da súa cara norte, ata unha extensa planicie labrada: o Campo delle Querce, onde conflúen varios sendeiros, e incluso atopo frechas vermellas pintadas nas pedras, quizais un itinerario sinalizado, que decido seguir, aínda que o pouco tempo envíame de volta a San Vito, polo que desfago os meus pasos e atraveso a sombra dos carballos, seguindo outro camiño que volve ascender.

O astro rei sígueme perseguindo coa súa lingua de lume, e teño que refrescarme na visión dos cumios distantes, máis alá do casco urbano de Marsico Nuovo, onde persisten as neves.

Esta segunda ascensión resérvame unha sorpresa, xa que no cumio se atopa un pequeno pero espeso souto, non en van os parroquianos denominan a este paraxe Monte di Castagno. Intérnome nesta atípica agrupación de árbores nobres, un oasis no medio do outeiro pelado, e entre a follasca atopo multitude de cunchas de caracol, que seguramente sucumbiron entre o intenso frío invernal.

Avanzando ata o seguinte cumio, do que non me separan máis de trescentos metros, e formando unha pequena portela atopo unha pequena zona despexada dedicada ó cultivo do millo, o Campo di Noci, presidido pola sombra dun magnífico exemplar desta especie, visible dende a poboación na que amañecín. É incrible que a esta altura os lugareños persistan en rentabilizar a terra, xa que debe ser bastante penoso o traballala nas condicións adversas que presenta o seu emprazamento.

Dende aquí son poucos os metros que teño que ascender ata o punto máis alto do Monte Della Torre Trombata, un cerro salpicado de caliza onde se atopan os restos dunha antena, protexida, inutilmente xa que agora esta partida no chan, por unha curiosa celda de ferro. Neste punto diviso xa o pobo de Marsico, e unha boa panorámica do Val d’Agri que se estende ós seus pes, e teño unha boa referencia do camiño a seguir, aínda que para elo desestime os camiños e decida rodear o monte para volver ó Campo della Querce.

Cruzando novamente o campo labrado sae ó meu encontro un can de aspecto feroz, ou máis ben tropezo con el, xa que quedou sen pilas e está inmóbil como se sinalase a unha presa. Rapidamente nos facemos amigos e nos quitamos fotos xuntos, mentres indago sobre a raza de este bravo can. A un lado do seu lombo azul e branco podo ler “Made in China”, e penso que tamén na Basilicata abandonan as súas mascotas cando se fan vellas, aínda que teñan, como esta, un pedigree especial.

Non estou sobrado de forzas para levalo comigo, así que nos despedimos e continúo cara unha pechada formación de abetos, por un sendeiro que volve a ascender. Tamén hai outras especies neste bosque, carballos, castiñeiros, tsugas, olmos e algunhas outras que non logro identificar, pero a que destaca é a primeira, que da nome ó lugar: o Monte di Abeti. É sen dubida o tramo máis arborado da xornada, e me da a sensación de que estou camiñando por un sendeiro dos Pirineos, e tamén é o máis continuado, aínda que esto non significa que se volva monótono, xa que a paisaxe que ofrece o val, as montañas e as pequenas poboacións que se divisan ó lonxe, aparece e desaparece segun sexa maior ou menor a espesura da fraga.

Chegados a este punto o camiño dálle as costas a todas estas panorámicas e diríxese cara unha columna de fume, onde se ve unha intensa actividade humana: estou chegando á Mina Nera.
Como non sei si lles molestará a miña intromisión nos seus terreos, me gardo de acercarme demasiado á explotación e no primeiro desvío que atopo, cando xa están á vista os operarios afanándose en facer montañas de mineral, comezo a descender lixeiramente adentándome nun pequeno bosque de carballos e castiñeiros.
Tras pasar este, por unha ampla pista que volve a gañar metros ó ceo, camiño ó último dos cumios, o máis próximo á poboación de Marsico, Monte Sant’Angelo, que ofrece un balcón incomparable ó Val d’Agri, que se estende cara onde me alcanza a vista. O sol está xa moi alto, e teño que emprender o regreso, así que me deteño o imprescindible para tomar testemuña gráfica destas magnificas panorámicas, e busco un camiño polo que poda descender o máis rápido posible. Despois de probar un par de variantes que, ou ben me aloxan do meu obxectivo, ou despois de baixar un pouco comezan outra vez a subir cara o Monte de Aberi, atopo un sendeiro pedregoso que se perde entre unha espesa carballeira e decido continuar por el.

Non erro na miña decisión, porque ademais se dirixe ó pobo sen desviarse e desemboca nunha estación de augas, e alí comeza unha vía asfaltada que me conduce ás primeiras casas. Defendendo unha delas dorme un gran can, e na porta pon un curioso letreiro “Atencione al can ei al patrone”, con un debuxo dun can ensinando os dentes e unha man empuñando unha pistola, polo que deduzo que os lucanos son bastantes celosos das súas propiedades.

Unha central eléctrica me indica a entrada no casco urbano, e a vía asfaltada se transforma en estrada. Cruzo un pequeno ponte salvando un diminuto regueiro que me nego a identificar como o Fiume Agri, pois non podo crer que se reduza a esto a liña de auga que lle da vida ó val. Por fortuna o tramo da estrada é curto, xa que me atopo un desvío ó pouco que me leva a Chiesa de Santa Luzia, que leva uns ollos de reposto na man, e un pouco máis adiante, xa no pobo, á Chiesa de San Rocco, que será do século XVIII, pero que é fea con ganas.

Como aínda me queda tempo o inverto en visitar a casa consistorial de Marsico Nuovo, onde monto unha pequena revolta preguntando pola oficina de turismo. Unha señora amable e un pouco agobiada pola miña visita, me leva dunha dependencia a outra, preguntando ás súas compañeiras pola información turística do concello.

Non consigo máis que un par de folletos xerais do pobo e un mapa, bastante completo, do Parque Natural do Pollino Lucano, unha das zonas ás que máis ganas lle teño da rexión. Despídome agradecido e volven respirar nas dependencias municipais. Así regreso á casiña dos meus soños, e o meu soño me espera sentada á porta, con ganas de que lle conte en que invertín as horas da mañá: este é un resumen do que lle contei mentres xantabamos...

Por certo, a comida foi espectacular, fomos ó Agroturismo Vignola onde nos puxeron un menú de degustación, con un abanico de embutidos e queixo: capicollo, salsiccia, prosciutto, formaggio con tonno, e despois máis antipasti: funghi trifolati, prosciutto alla giardiniera, ricotta, pancetta al vapore, mela con rucola e noci, e máis tarde un pouquiño de pasta.. fusilli con ragù, ravioli di ricotta con funghi e salvia. Ah, e de postre: crostata al cioccolato, e torta con crema. Aquí non había outra opción que deixarse levar, ou dicir basta, e nós optamos por unha cousa primeiro e despois pola outra, cando xa non tiñamos máis oco no estómago. Quizais só un pequeno, para o café, que é obrigatorio despois dun opíparo festín como este.

E así foi a miña primeira xornada marsicana, polo menos no referente ás miñas incursións montañeiras e, obrigado é dicilo, gastronómicas, co que descubrín as dúas enormes potencias que ten esta zona, nas que, sen dubida, insistirei.

E68 Sendeiro do Encoro de Zamáns (Vigo)

Mércores, 13 de febreiro de 2008

Ás veces non somos quen de decatarnos da tremenda sorte que temos de vivir nunha cidade que en menos de media hora pode desaparecer da nosa vista, se sabemos cara onde dirixirnos. A metrópole está a un tiro de pedra dun bo feixe de pequenos hábitats naturais onde aliviar as cargas e os vicios que se adquiren na vida cotiá, e nunha tarde que se nos semella primaveral como esta, é imposible declinar a invitación para pasar un par de horas escoitando os queixumes das follas de carballo baixo as botas, que sorrín ante a ausencia do asfalto.

Eu esperteime preguiceiro, e non se me ocorría mellor pasatempo para unha tarde de lecer que ir ó cine a ver a última dos irmáns Cohen, pero a chamada de Miguel lembroume que había mellores opcións para escoller. E alá fomos, a insistir nesa sorte de habitar este fisterre atlántico, onde a climatoloxía insiste en facernos cantar aquela cantiga dos oitenta: “Fai un sol de carallo”.

Como o amigo Panette ten máis ganas que tempo, decidimos visitar un deses oasis onde a paisaxe urbano desaparece case por completo: o Encoro de Zamáns, que foi creado como principal subministrador de auga potable da cidade, aínda que hoxe, debido á demanda de consumo da súa poboación o relevara a un segundo plano.

Moi preto da Pasaxe, onde comeza o concello de Gondomar, e despois de pasar o polígono industrial e a entrada á autoestrada, atopamos un poste que indica que pasa por alí o PRG 1, o sendeiro de pequeno recorrido que sube ó Galiñeiro, e deixamos o coche o seu carón, para introducirnos por el ata as Ribeiras do Zamáns. Pasamos baixo a enorme estrutura de cemento da A9, que salva o obstáculo fluvial, e dándolle as costas introducímonos nun espazo de conto, onde parece que se detivese o tempo.

Camiñando a montante, como din os irmáns do sur, chegamos ó primeiro dos enxeños hidráulicos cos que os nosos devanceiros moian millo, cebada e centeo, quizais durante séculos, nunha das bases da alimentación. Aínda conserva boa parte da súa estrutura intacta, a pesares de que o seu tellado está desfeito e as súas paredes comidas polas edras, e moi preto del atopamos os restos dunha rústica pontella de madeira, que xa non ofrece seguridade para atravesar o río.

Internámonos na levada que o conecta con outro muíño, este case soterrado na vexetación, na que abundan cantidade de fentos, embigos de Venus, ademais de salgueiros e amieiros que adoitan poboar os cursos fluviais. A situación arrecantada das ribeiras do Zamáns favoreceu tamén o desenvolvemento dos carballos, ademais de abeleiras, sanguiños i espiños, polo que o espazo adquire a fasquía dunha fraga.

Outra ponte, esta en bo estado, feita de grandes táboas e mesmo con pasamáns, fálanos da actividade que, en outros tempos, tivo que ter esta zona, na que agora non hai máis que unhas poucas leiras cultivadas. Sen embargo, as marcas do PRG, que imos seguindo, indícannos que debemos cruza-la canle máis adiante, por un paso de pedras, para acceder á zona onde se atopan as construcións tradicionais que fai anos recuperou o concello, integrándoo no seu patrimonio etnográfico.

Trátase dos Muíños de Maquías, un deles de especial relevancia arquitectónica, xa que tamén dispuña de vivenda, no piso superior, e dun pequeno galpón na parte traseira onde se depositaba a leña. Na orixe do nome está a maquía, denominación propia do recipiente no que se medía o cobro da muiñada, en gran ou en fariña, e tamén relativa á cantidade en cartos ou en especie que tiñan que pagar os usuarios dos muíños comunitarios.

Por desgraza xa os vándalos, ós que lles da polo cu a cultura tradicional e o patrimonio común, xa fixeron das súas no interior dos muíños, e ata se levaron as madeiras da escaleira que accede ó piso superior, despois de rebentar a pechadura das portas.

Cagándonos na nai que os botou, que ven podía apertar as pernas cando tentaban vir a este mundo, dámoslle as costas a este anaco da nosa historia, atopándonos coa ultima das construcións que se amorean nesta parte do río, tamén comida polas silvas, delatada por unha levada aérea que o cruza.

Ós poucos metros álzase a parede de cemento do encoro pola que apenas sae un fío de auga, ben distinto a aquel decembro de 2006, como lle fago notar ó meu carísimo Miguel, na que subimos ata aquí os primeiros Eivadiños, na que estaban as comportas abertas e producíase o espectáculo dunha impresionante fervenza, á que daba bastante respecto acercarse.

Por un pequeno carreiro abandonamos a Fraga dos Muíños, e chegamos ás beiras do encoro que, aínda que non chovera moito neste inverno, está ó 75 % da súa capacidade.

Despedímonos do sendeiro que sigue ascendendo cara o Galiñeiro, e camiñamos a dous pasos da auga estancada, gozando da calma que aquí se respira, onde non chegan máis ruídos que os da abundante fauna avícola que ten este lugar como refuxio, aínda que ver, o que se di ver, so vemos unha ducia de parrulos aventurándose no centro da lagoa.

Tamén ten fama de ter boa pesca este lugar, e na nosa andaina atopamos algúns improvisados campamentos de pescadores, feitos con madeiras, plásticos e ata cadeiras de oficina, para facer a espera máis agradable.

O que pescamos nós é un feixe de reflexos coa nosa memoria dixital, xa que o encoro semella ser un xigantesco espello, no que, ó fondo, detrás dunha cortina de eucaliptos, piñeiros e carballos, tamén se divisan algunhas casas de San Mamede.

O Encoro de Zamáns foi construído en 1961 e foi concibido para abastecer as necesidades de auga de Vigo durante vinte anos. Apenas dez anos despois da súa realización demostrouse insuficiente e houbo que estudar e emprender outras posibilidades de abastecemento, como a do Encoro de Eiras.

Dende este no que agora nos atopamos bombéase auga ata os depósitos soterrados baixo a Fortaleza do Castro, no que anteriormente eran as galerías, polvoríns e dependencias.

Máis tarde tamén se construíron outros depósitos no Monte do Castro a carón do que agora é unha pista de patinaxe e centro de xuventude. O encoro nunca foi deseñado para aproveitamento hidroeléctrico, senón para abastecemento civil.

Aínda que este dato non freou ós ánimos especuladores das compañías eléctricas que, nos últimos anos, prantexaron esta posibilidade. Estudos recentes sobre as modificacións no encoro para este aproveitamento sinalan o seu alto costo, ó que habería que engadir a destrución do conxunto etnográfico protexido dos Muíños das Maquías, emprazados, como acabamos de observar a 50 metros da base do dique do encoro, ademais do brutal impacto ambiental en todo o entorno.

Pola contra, o actual equipo de goberno do concello de Vigo, aposta por converter as ribeiras de Zamáns nun área protexida para o lecer dos seus cidadáns, abrindo un sendeiro ó seu redor, tal como o que estamos a realizar, con paneis indicativos sobre a flora e a fauna peculiar que ten unha presenza notable neste humidal.

Mentres os políticos cumpren a súa promesa, nos camiñamos pretiño da auga, apreciando a variedade paisaxística deste sendeiro ribeirego, xa que, a pesares do seu pequeno recorrido, ten varias zonas diferenciadas.

A parte que está baixo a silueta do Monte Galiñeiro, na que os carballos tentan unha débil resistencia ó avance imparable da praga de eucaliptos, é a máis despexada, formando unha alongada praia lacustre, se houbera quen de atreverse ó baño nestas augas escuras, que hai xente para todo, e non temos ningunha dificultade para desprezar o sendeiro e camiñar, como xa dixen, a escasos metros do enorme vaso.

Ó chegar a un pequeno regato que desauga no pantano súmanse os salgueiros e bidueiros, aínda que tímidamente a galería ripícola que aproveita a abundancia de auga da zona, e os carballos, máis abundantes, alfombras o camiño coas súas follas.

Aquí tamén é frecuente ver as edras medrar polos troncos das árbores, e mesmamente polo chan, dando un aspecto selvático ó camiño. Esta fraga é un dos sitios máis fermosos do percorrido, e ó pouco a ribeira empeza a ser colonizada por algúns exemplares parcialmente mergullados, onde se agochan varias aves acuáticas.

Unha das colas do encoro, completamente asolagada, fainos recuar e coller outra vez o sendeiro, polo que seguimos ata atopar a desembocadura do Río Zamáns, onde a vexetación faise máis exuberante, xa que dependendo do caudal que arrastre pódese atopar parcialmente cuberta pola auga, proba desto son as numerosas árbores cos troncos estendidos en múltiples tentáculos, onde o amigo Miguel fai proba das súas habilidades como escalador, recuperando esa infancia que, no fondo, nunha perdemos cando se trata de chimpar as polas deste labirinto de madeira. Cruzamos despois o curso fluvial, sen maior problema, xa que a escaseza das chuvias adelgazouno, por un sinxelo paso de pedras, deixando atrás outra fraga enfeitizada.

O punto máis alongado da parede da presa está ateigada de carrizos, xuncos e canavais, e as árbores cínguense á ribeira, xa que máis terra dentro comezan as leiras de San Mamede, e supón a parte máis deforestada do itinerario, deixando ó descuberto incluso a estrada que leva ó alto de San Cosme e máis ala, cara o Val do Luoriña. Pódese dicir que o percorrido é pequeno, máis non que é monótono, porque ata aquí xa perdemos a conta das diversas variacións da paisaxe, tanto na cuberta vexetal como na súa orografía. E aledámonos do día primaveral que temos, xa que a luz é a perfecta para completar un bo safari fotográfico.

Fronte a nós a magnifica silueta do Macizo do Galiñeiro, multiplicado por dous por efecto do espello das augas encoradas, que nos fai soñar con outras montañas máis ambiciosas, aínda que non tan queridas, xa que nas súas pedras e nos seus carreiros hai unha parte importante das nosas vidas.

A derradeira parte do sendeiro é a que ten menos interese, xa que está pegada á estrada e os efectos desa proximidade son patentes, xa que ademais de algunha construción de dubidoso gusto, é a máis visitada e, polo tanto, na que máis acumulación de lixo hai, o que levou a algún amante da natureza coma nós a pintar nun dos carteis do coto de pesca o lema “Ruta dos porcos”. Razón non lle falta, xa que está visto que a xentiña moita culturiña non ten, e respecto polos espazos comúns menos aínda.

Volvemos baixar pegados ó muro de cemento da presa, ata atoparnos cos restos dun muíño literalmente comido polas silveiras, que ten un canal aéreo que cruza o río, polo que, con coidadiño, cruzamos, cara o complexo etnográfico dos Muíños das Maquías, e dende alí desfacemos o camiño polo que viñemos, contentos de aproveitar unha tarde de serán para atesourar sorrisos e carreiros, e gozar das zonas naturais que rodean a cidade onde nacemos, vivimos e, quen sabe se nos tocara morrer.

E67 Trilho da Insua do Crasto (Valença)



Domingo, 10 de febreiro de 2008

Xa vai tempo que esvaeceron as pantasmas do domingo, esas que pola noite tecían teas de araña nos meus ollos e me espertaban cun reconto de cadáveres na gorxa, e o espertador xa non me berra coa chulería dun garda civil, senón que me invita a sorrirlle a un novo amencer, e máis se, como o de hoxe, trae un ceo cheíño de primavera, onde un satélite cómplice me trae as verbas dos meus amigos, dispostos unha vez máis a compartir mesa e camiños.

Onte foi noite de recollemento para case todos, e Miguel, María e Xaime veñen sobrados de forzas para insistir na recen estreada Rede municipal de percursos do concelho de Valença. Claro que antes, e despois de barallar distintas opcións, decidimos recalar pretiño de San Pedro da Torre, onde se atopa o noso comedeiro oficial: o Stop. A sección masculina, ó completo, decantase por unha enchenta de arroz tamboril, con peixe sapo e gambas, mentres que a nosa Chinita, para non perder o tipo, conformase cunha ensalada mixta con atún.

Entre a media ducia de sendeiros que o concelho minhoto pon a nosa disposición, eliximos o Trilho da Insua do Crasto, xa que vai bastante calor, e este non ten demasiado desnivel e polas súas características semella tamén asombrado. Atravesamos o núcleo urbano de Valença, e collemos a estrada nacional 101 en dirección a Monçao, mentres a Criatura nos deleita coas melodías de Ophelia’s Dream (moito mellor que a electrónica de Ladytron que escoitamos ó saír de Vigo). Ó chegar á poboación de Friestas, adentrámonos nela, xa que fronte a súa igrexa matriz e da sede da junta da freguesía atópase o comezo do percurso pedestre.

Será pola santidade do emprazamento no que iniciamos a nosa andaina, pero os primeiros metros, pisando o firme alcatreado, ven á conversa a programación para adultos de Tele Vigo, máis concretamente as películas pornográficas de saldo que botan na noite dos sábados, que son quen de sorprender ata os que xa viron un feixe de parafilias filmadas, que xa se sabe que hai gustos para todo. Inda que eu dubido que haxa poucas mulleres que queiran celebrar o seu vinteún aniversario de maneira tan orixinal ¡por moito que lles guste o leite!.

Ós poucos metros abandonamos o núcleo rural e adentrámonos, ó carón das súas veigas, nun camiño que nos leva á Ecopista, unha vía verde construída aproveitando o trazado dos camiños de ferro que unían as poboacións de ribeira do norte portugués, agora acondicionada para a circulación de bicicletas e tamén, de camiñantes coma nós.

O certo é que se agradece a sombra e a horizontalidade do terreo para os que temos o bandullo cheo coas delicias gastronómicas da cocina do Stop, e o percorrido seméllasenos o máis axeitado para uns eivadiños como nós que, agás María claro esta, xa imos tendo aniños para non facer excesos, e para mostra estou eu, que levo mes e medio arrastrando unha tose de tuberculoso, i eso que xa vou polo terceiro frasco de xarope.

Neste tramo o noso especialista en botánica sinálanos as distintas especies que franquean a vía: carballos, bidueiros, sobreiras e mimosas, inda que pasáselle un detalle anotado no pequeno folleto explicativo do trilho que agora transcribo:

E caso a meteorologia esteja de feiçao e a época seja a mais conveninte, encontramos belos exemplares da micología local sob os carvalhos que a emolduram. Sâo abraços que a natureza inventou e atravès dos quais ligou árbores e fungos numa relaçao simbiótica que os especialistas do ramo chaman micorrizal. Assim saibamos nós também dar un abraço emocional á natureza sublime que iremos encontrar a partir dai.

Bonito ¿non si? Parabéns a Elos da montanha, autores do texto, inda que, como comprobaremos máis adiante non sexan tan bos debuxando os mapas.

Camiñando por este espacio destinado ó lecer de tódalas idades, que imos atopando ós poucos, chegamos á ponte ferroviaria, que salva o desnivel que produce a fenda do Río Manco, medio centear de metros baixo ós nosos pés.

A panorámica dende aquí é fermosa, xa que nos permite ver un anaco do curso fluvial e, fronte a nós, as poboacións da Galiza. A ponte tamén ten o seu encanto, e detémonos a contempla-la súa curiosa estructura.

A seguinte parada está moi preto da Ecopista, a unha ducia de metros, trátase do Portal da Quinta do Crasto, monumento do século XVIII, baixo o que podemos ver a seguinte placa explicativa:

Portal de queinta en estilo barroco. Muro de cantaría con pilastras almofadadas nos cunhais, frontâo curvo ao centro coroado por merlôes chanfrados e pináculos. Dois janelôes rectangulares gradeados de arco pleno e molduramento almofadado con cornija saliente enquadram o portâo, tambén de arco pleno e ladeado por pilastras almofadadas onde se apoia a cornija. Pedra de armas dos Sousa (do Prado), Soares, Amorim e Sousa (de Arroches).

O certo é que moitas veces mirei dende a estrada nacional 101, cara as terras dos meus devanceiros, no Leboreiro, esta ostentosa entrada, e xa teño satisfeita a miña curiosidade.

A partires de aquí o camiño, que antes viña bastante encaixado entre paredes de terra e granito, abre un balcón ás veigas e ás viñas, que seica abundan nesta beira do Miño, do que non temos máis que breves visións, ocultos detrás dunha galería ripícola.

Cando as marcas do trilho nos indican o abandono da Ecopista, vemos ó lonxe a silueta da Torre de Lapela, e parécenos boa idea facerlle un aire ó itinerario marcado e visitala, máis cando levamos dez minutos avanzando cara ela empezan as primeiras disensións no grupo: a Criatura quere estar cedo en Vigo, porque esta noite ten concerto metaleiro e, como sempre, ten que ir abri-las portas, a Chinita non ven con ganas de facer quilómetros de máis, xa que foi a única que estivo de farra na véspera, e o Panette escoita o ruxe-ruxe e decide sumarse á sublevación, polo que non me quedan máis collóns que segui-lasnormas do centralismo democrático, non mos vaian cortar, e ordenar media volta para seguir avanzando.

Atravesamos o terreo dunha antiga factoría, e ó carón das viñas que viamos dende a Cliclovía, adentrámonos na Insua do Crasto, formada no encontro das augas dos ríos Manco e Miño, sen dúbida a parte máis interesante do sendeiro, inda que temos que andar con pés de chumbo, xa que atopámonos cun fato de cazadores que teñen o gatillo fácil e, quizais, non moi boa vista.

Conforme nos achegamos a Foz do Río Manco a vexetación vaise pechando, e unha enorme mimosa deitada sobe o camiño fainos perder a boa dirección, internándonos nunha xungla na que a especie dominante é o loureiro. De tódolos xeitos atopamos un sendeiro de pescadores e acercámonos ó pequeno río, polo que subimos ata dar co punto exacto onde verter as súas escuras augas ócaudal impresionante do Río Miño.

A verdade é que o lugar invita ó baño, e que ademais a temperatura da auga é bastante boa, pero non acabamos de convencernos e deixámolo para mellor ocasión.

O mapa do trilho indícanos que debemos dar volta ata atopar outra vez a Ecopista, pero a vangarda decide con un so voto en contra unha nova variante. Inda que o color das súas augas non chame en absoluto a un chapuzada, atopamos un mergullador, con traxe de neopreno e cinto de chumbos, que parece estar na procura do monstro do pantano. ¿Alguén se lembra como se chamaba aquela película?. Durante un bo anaco seguimos sen demasiadas dificultades por un estreito sendeiro ó carón do leito fluvial, ata que, claro está, as atopamos, e temos que buscarnos a vida algo máis afastados, por un terreo de herbas altas que, unha e outra vez, lévannos a beira do río. Como recompensa pola nosa insistencia vemos un par de parrulos e unha garza levantando o voo.

Non sen escoitar as protestas do voto negativo, e tamén da abstención, que seica estaba despistado no momento da votación, atopamos outra vez as marcas, e volvemos enfrontar, durante algúns momentos, a Torre de Lapela, pero cando estamos dispostos a claudicar e volver polo camiño polo que viñemos, atopamos marcas que van en outra dirección e decidimos seguilas (esta vez sen votación). Afortunadamente estas si nos levan, seguindo a montante o Manco, ó antigo camiño de fero, onde xa hai unha concorrencia importante de parroquiáns. Abandonamos así a Insua do Crasto, de quen este trilho recibe o nome, que está asociada a un episodio peculiar relacionado con a acuatizaxe forzosa do aviador americano Lindberg cando realizaba a tentativa de facer unha travesía entre Xenebra e Lisboa.

Outra vez na Ecopista o traxecto fáisenos monótono, e as queixas soben de ton cando xurde calquera tentativa de facerlle máis aires ó sendeiro. Avanzamos a bo paso ata atopar o enlace con Friestas, onde as marcas sinálanos que debemos internarnos outra vez na fraga, esta vez de piñeiros e carballos, bordeando unhas veigas nas que verte a súa auga unha rústica poza. Despois dun bo anaco camiñando por carreiros e congostras chegamos á beira do Miño, onde distinguimos máis alá da fronteira azul, o chiringo de madeira de Caldelas de Tui, onde uns simpáticos gardas civís, velando pola saúde pública, baleiráronme os petos.

Pouco tempo despois dámoslle as costas ó río que cruza a nosa bandeira, e internámonos na espesura da fraga, xa con ganas de ir chegando ó final do camiño, eso si, algúns máis que outros, xa que ó Xaime o chaman unha e outra vez pregándolle que esta mesma noite se transforme en DJ Criatura, e pinche unha boa dose de metal. Inda temos que facer un bo anaco de Ecopista máis, e despois unha sucesión de veigas e congostras con máis piñeiros que carballos, para acadar a guinda coa que coroar este percurso minhoto.

Xa en Verdoejo, chegamos ó antigo Cruceiro do Adro Velho, onde se atopan algúns sarcófagos de pedra, vestixios dun vello cemiterio, nos que non dubidamos en deitarnos a descansar un pouco, retratándonos como naquela película de Amenabar, onde non se sabía moi ben quen eran os vivos e quen os mortos. Máis mortos que vivos, volvemos ó camiño, atravesando ós poucos, por derradeira vez, a Ciclovía, e internándonos no núcleo rural de Friestas, por unha estrada alcatroada que parece que non remata nunca, e que nos leva ata o coche da Criatura, que xa ten presa por chegar ó concerto.

Levounos catro horiñas, e non queríamos máis, eso si, non sei que terán estas terras que sempre que saímos delas xa vamos tendo ganas de volver.




E66 Trilho da Veiga da Mira (Valença)



Domingo, 3 de febreiro de 2008

Nos últimos tempos todo o mundo é un especialista en prognósticos meteorolóxicos, grazas á axuda de non sei que gurú de interntet, e o máis curioso é que acertan. A pesares de que a véspera luciu un sol primaveral, que me levou a guiar un curioso continxente polos areais de Aldán, aínda sen que este itinerario alcanzara para ter de por si unha crónica como esta que comezo, o domingo amañeceu cun ceo incontinente que, así como abrín as persianas para saudar ó novo día, non albergaba dúbida sobre os voluntarios que tería para me acompañar na miña andaina semanal. Imaxinei os meus acólitos baixo as mantas, quentes como pitiños, saboreando a resaca do entroido, mentres eu enchía a mochila con roupa seca, porque non dubidada de que non me salvaría dunha boa molladura no monte.

Aínda así mantiven a disciplina e ás doce e cuarto, puntual como un reloxo suízo, saín do Concheiro, só, por manter a tradición. A tradición levoume tamén ata o Stop, onde, cando menos, tiña a compaña de Salomé e Zalo para compartir o xantar. Polo camiño, mentres almorzaba quilómetros de asfalto ata o país veciño, caían auténticas trombas de auga, que por algún momento me facían dubidar sobre o oportuno da miña aventura, xa que non tiña ganas de coller unha pulmonía. Pero non era cuestión de achantarse, e volver a casa baleiro, así que mentres engulía o arroz malandro, e as verbas amables dos meus queridos, enchíame das forzas necesarias para afrontar tan desfavorables elementos. Tamén o relato do percorrido polas terras do Alto Vez dos meus compañeiros fixo que me afirmara no meu propósito, e desbotara a idea de ir botar unha soneca co bandullo cheo.

Aproveitei o feito de que tiñamos os dous coches para facer un percurso lineal, dos que conseguira Yuka na oficina de turismo de Valença, e que vai precisamente dende a saída do núcleo urbano de San Pedro da Torre, moi preto de onde xantamos. Por eso deixo o coche no aparcamento do Stop e póñome a roupa de auga mentres os meus amigos me levan ó punto de partida. Durante todo o traxecto non deixa de chover, así que penso que é un bo momento para probar a impermeabilidade das miñas compras: as botas de montaña de Boreal e a chaqueta hidrófuga de Columbia, que os meus cartiños me custou.

Aínda así cústame abandonar o calorciño do coche, cando chegamos á igrexa de Nosa Senhora da Cabeça, xunto ás beiras do Río Miño. Non só chove arreo, senón que tamén fai un vento do carallo, e teño que atar ben os machos para que non me voen polo aire, e detrás deles saia eu tamén, coma se fose unha cometa.

Despídome dos meus amigos con bicos e agarimos, e enfío polo paseo de madeira, que discorre a carón do leito fluvial, sorríndolle ós bidueiros que enterran as súas raíces tan pretiño da auga, deixando atrás un pequeno porto onde se balancean sinxelas embarcacións pesqueiras.

O inicio da andaina é monótono, a chuvia entoa unha cantiga rítmica percutindo na miña roupa ¡chip, chap, chip, chap! e agradezo a axuda das táboas para avanzar, xa que de non ser por elas seguramente o terreo estaría enchoupado pola forza das precipitacións.

A pesares de que o terreo sexa regular, e que a paisaxe sexa idéntica, non está exento de beleza todo o entorno, e gozalo en soidade, e baixo unha insistente cortina de néctar de nube, se me permitides a metáfora, é moito máis pracenteiro se cabe.

Non tardo moito en acadar outro pequeno embarcadoiro, onde remata o paseo de madeira e se transforma nunha pista cementada, aínda que bastante ben integrada no entorno, onde tamén hai algún tramo de madeira, a modo de balcón sobre o río.

Entre ambos tramos está a pequena poboación de Cristelo Côvo, no que indago fugazmente nos arredores dun casal chamado Quinta da Fonte, e fronte a el noutra vivenda que ten un simpático azulexo na entrada, na que se ben dous burriños, e ca seguinte lenda: Quando será que nós três encontramos outra vez, ou sexa, a versión lusa de Burro quen o lea de cando eramos cativos.

Bótolle unha risa, claro, e sigo ca miña teima, mentres observo como a medida que avanzo medra a diversidade vexetal, e as beiras do noso río énchense tamén con freixos e salgueiros, e outras especies máis cativas, como o malmequeres, a camomila e a fumária. Esta última, de follas vistosas rematadas por un penacho amarelo, docemente perfumada, é rica en ácido salicílico, e era utilizada en tempos para decorar as igrexas nos días de casamento, sendo coñecida como a planta da noivas.

Ó chegar á Casa do Río rematase o camiño ó carón do Miño, e as marcas, que ata aquí eran innecesarias, diríxennos cara a depuradora de augas de Valença, por un camiño alcatreado que pasa por un campamento xitano, con abundante trangallada de festas: noras, barcas e demais artefactos, algunhas pezas xa de museo, porqué fai tempo que non me lembro de ver tales atraccións nas verbenas dos pobos, claro que tampouco é que sexa asiduo de tales eventos.

O tramo de piche lévame cara ás vías do tren, baixo as cales detéñome nun curioso cruceiro cuberto, no que o fillo de Deus está pintado, bastante toscamente, na propia cruz, cousa nunca vista por este penitente, que non dubida en dispararlle dúas fotos, como si fose un tesouro etnográfico ¿ou non o é?.

Entre o camiño de ferro e as veigas ateigadas de cañotos de millo, que deben a súa fertilidade as cheas do Miño, e ao labor de milenios durante os que escavou nas dúas marxes, aplanando o vale e dándolle o lodo e o humus, atopase un pequeno sendeiro, tamén anegado pola intensidade das chuvias, e por el avanzo, desprezando a furia dos ceos, quentiño ou case, dentro da miña roupa hidrófuga. Ó pouco tempo o vento amaina e as nubes deixan de espremer as súas roupas sobre a miña triste figura, xusto cando cruzo baixo a vía do tren, aloxándome definitivamente do leito fluvial. Non son capaz de resistirme á tentación de subirme ós raís de ferro, a facer equilibrios e a imaxinarme aquel xogo fantástico do conto de Cortazar, un dos meus preferidos.

Coa vía a miña dereita, avanzo por unha ampla chaira, que identifico como a Veiga da Mira, e que se estende ata a autoestrada, tapada por unha espesa masa forestal, e realmente boto de menos que o percurso non se interne neste espacio natural, aínda que imaxino que o terreo está bastante enchoupado. De feito, despois de andar un anaco por este carreiro, chego a unha pequena ponte de pedra dun só arco, quizais medieval, e deixo de ver tamén a extensa châ, que reteño nas pupilas unha última vez, dende un paso elevado, por onde o tren salva o obstáculo dun pequeno ribeiro. Aquí teño un pequeno atranco técnico, xa que a chuvia formoume unha burbulla de auga dentro da miña cámara, e teño que fixar a miña memoria dixital cun filtro difusor.

Sigo pegado ó camiño de ferro, por onde ó pouco pasa unha locomotora con media ducia de vagóns, quizais dunha liña rexional, e o condutor fai soar a bucina, facendo outra chiscadela ó universo cortaziano. O sendeiro discorre agora ó carón dunha carballeira tupida, mentres a chuvia volve, con menos forza, a facer a súa presencia, para que volva a lembrarme de aqueles que quedaron quentiños, e sequiños, na camiña, esperando condicións máis propicias para facer acto de presencia nestas aventuras nas que, pese a todo, insisto.

Xa teño feita a dixestión do arroz malandro cando chego ás primeiras casas de San Pedro da Torre, na que entro pola rúa Cruzes, seguindo as marcas do percurso pedestre que, cando teño algunha dubida, aparecen para confirmarme a dirección correcta. Este pobo non ten unha beleza especial, quitando a singularidade dalgunha das mansións azulexadas que salpican o núcleo urbano ¿ou debería dicir rural?, o que si é simpático é o saúdo da súa xente, que en canto ven aparecer a este que escribe, ataviado como si estivese facendo o treking do Annapurna, sorrinme e soltan un: ¡boa tarde!, que devolvo, saúdo e sorriso, para mostrarlles que eu tamén teño unha educación.

Cruzo unha pequena estrada, e intérnome na rúa Poço, que me leva directamente ata a Igreja de San Pedro, onde remata o trilho. E curioso o parque está o seu carón, con palmeiras e unha fonte ateigada de ras de cerámica e, máis curioso, co que caeu, sen auga.

Para celebrar que a miña chegada o ceo abre unha fenda, por onde os raios do sol rompen o gris, ata chegar ás miñas roupas molladas, cousa que agradezo. Tanto é así que en vez de seguir cara adiante, nun cruce con outra casa azulexada enteiramente en azul, cara onde teño o coche, decido tirar á esquerda, seguindo unhas frechas amarelas que penso que poden sinalizar outro sendeiro.

Así chego a outro ribeiro, chocolateado polo incremento de caudal nas últimas horas, que traspasan dúas construcións de pedra. Unha, de dous arcos, e un estreito acueduto, seguramente parte dun muíño comido polas silveiras, e outro, dun só arco, é a Ponte Románica de Chamosinhos, que cruzo para internarme nesa poboación, de casas solarengas como a Casa da Ponte, que como o seu propio nome indica está pegadiña a sinxela obra arquitectónica pola que cambio de ribeira e, tamén, de freguesía.

Máis o verdadeiro espectáculo está no ceo, a parte superior cuberta por unha pátina máis negra co corazón do demo, no medio dunha franxa velvia, como o reflexo dun océano, e na parte inferior un cardume de nubes albinas, que semellan montañas de nata. Ensimesmado na tarefa de captar estas imaxes non me decato de que se me arrima unha paisana que se pregunta que carallo fago plantado diante dunha leira sobre a que só hai ceo. Pregúntame, curiosa, si quero merca-la finca, que é da súa propiedade, e fai unha loubanza da tranquilidade que se respira no lugar. Cando lle conto que veño camiñando dende Valença mírame como si estivese tolo, e botase a rir, claro.

Despídome da vella e sigo avanzando polo camiño alcatreado, ata chegar a un lugar coñecido: O Escondidinho, onde almorcei hai un millón de anos, cando tiña outro corpo e outros afectos, descansen ambos en paz, onde queiran que estean. Tamén paso por unha casa curiosamente defendida por unha ducia de caracois de pedra, que me chiscan os seus ollos petrificados dándome a despedida do pobo.

Cando este remata collo, ó chou, un camiño forestal, cansado do piche, pero dez minutos despois lévame a unha nova estrada, e dende aquí á nacional. Aínda camiño un bo treito pola estrada, ata que atopo outro camiño que se interna no monte, preto das ruínas dun gran muíño, e por el volvo ¡a igrexa de San Pedro!. Ó final dinlle un aire ó pequeno trilho, facendo un círculo que me levou unha hora máis, que teño que sumar ás dúas que empreguei no itinerario marcado.

Seguidores