E154 Trilho de Tibo (Arcos de Valdevez)




Domingo, 27 de decembro de 2009

Os meus ollos estaban famentos deses rabos de nube que se espallaran polas serras arraianas e que albiscara dende o alto dos Padrosos no retorno do Nadal da miña aldea de Abellás, pese a que a primeira montaña do meu imaxinario particular, o Penagache, recibira máis sarabia que folepas. Mesmo o día anterior, no transcurso da magnifica ruta que fixera cos Nómadas polas fragas do Morrazo, comprobara dende a cruz de Érmelo que, aínda que se incrementaran as temperaturas, resistía unha ampla liña branca perfilando os cumios da Peneda e do Soajo.

Así que unha vez máis conseguín contaxiar o meu soño a un feixe de eivadiños, e vencer o sono que aínda persistía nas súas pálpebras, porque desta non era eu o que viña cos síndromes típicos, xa que me deitara a unha hora prudente, senón Patri e Isabel, que estiveran de troula ata máis ala do que aconsellable polo adianto horario da convocatoria. Xacobe e Fany, algo máis descansados, completaban a expedición na procura dun algo de neve que nos dera, polo menos, para facer un monicreque e tirar unhas bolas.

Outra vez recalamos en Puxeiros, que está a converterse nun clásico, para aprovisionarnos de tortilla e empanada, e tamén para almorzar, xa que poucos eramos os que tomaramos un café na casa. E dende alí collemos rumbo cara a fronteira, onde o Xaco (querémolo igual) deu por coller o itinerario máis longo, o da autoestrada que vai cara as serras da Arga e Amarela e, aínda que dando unha volta fenomenal, cara o Soajo, e dende alí, a Peneda, onde tiñamos previsto facer a ruta que sube cara a lagoa.

O chegar o miradoiro de Tibo fixemos unha parada precipitada, xa que Isabel viña un algo mareada polas sucesión de curvas, e constatamos que nas montañas que nos arrodeaban non había máis rastro que nuns cumios afastados, probablemente preto de Pitoes das Junias, e que convíñanos pornos a andar o máis pronto posible. Así foi como mudamos o trilho da Peneda polo de Tibo, que tiña gravado na memoria por habelo feito no mes de xullo con Zalo e Georgia.

Deixamos alí mesmo o vehículo e baixamos cara o río Leboreiro, que ollabamos ó lonxe enchendo o vaso do encoro de Lindoso, internándonos nunha paisaxe que espertou exclamacións de admiración en tódolos que descoñecían a existencia deste anaquiño do paraíso, que non ten nada que envexar as que se poden contemplar en Pirineos. Tanto era así que tiven que botar un par de berros para imprimir un bo ritmo dende o comenzo, xa que tiñamos as horas de luz xustas para completala ruta que deseñara o de Paramos.

Nun primeiro momento tiven algunhas dificultades para atopar o camiño, pero de seguida me orientei e descendemos polas abas da serra, sorteando algúns regueiros e tramos anegados onde o Xacobe puña a proba a súa patiña, aínda non moi convencida da empresa que tiña por diante. O certo é que o camiño, que as veces desaparecía no medio dunha vexetación exuberante, tiña o firme bastante irregular, e había que estremar as precaucións para non mancarse.

Chegamos sen novidade á aldea de Varzia, afastada do mundo e onde o tempo parecía detido, aínda que non para nós que loitabamos contra o tempo, e nos detivemos o imprescindible para tirarlle un par de fotos os curiosos peches deste lugar: portas de coche ou de neveira, aquí o dos somieres xa pasou de moda. Os campos dispostos en socalcos, as viñas cubrindo os camiños empedrados, os soutos e as carballeiras, dispoñen unha paisaxe máxica, acentuada pola proximidade do rabo do encoro de Lindoso, que fai a ilusión dun río de entidade semellante o noso Minho.

Enlazamos aquí co GR que conecta o Soajo coa Peneda, e avanzamos pola beira do Leboreiro, a montante, por un sendeiro fermosísimo, que nos ofrece as panorámicas máis impresionantes do itinerario. Pero non todo foi un camiño de rousas, xa que tivemos algún momento perigoso cruzando un ribeiro que tributaba no encoro, e mesmo Isabel tivo un pequeno accidente e caeu de cu nunha rocha mollada. Non se mancou pero tivo que facer o resto do traxecto ca roupa enchoupada.

De tódolos xeitos este resultou sen dubida o treito máis amable, xa que ás vistas espectaculares do río, uns metros baixo os nosos pés, e das montañas que se inzan sobre el, as da outra beira xa no territorio da Galiza, hai que sumarlle o suave desnivel e a temperatura agradable. Tanto foi así que decidimos facer unha parada sobre un penedo e dar conta das provisións que colleramos en Puxeiros: empanada e tortilla, que xa vai facendo tradición, e tamén probamos as lentellas que preparara na véspera Fany.

Con forzas renovadas retomamos o camiño e non tardamos en chegar a Mestura das augas, onde converxen os ríos Leboreiro e Peneda, para avanzar a montante por este último. Aquí comezamos un ascenso suave, co río ruxindo nunha sucesión de saltos de auga nos que se alternaba a escuma nívea coa esmeralda dos remansos.

Tivemos que loitar contra as silveiras que penduraban nalgunhas partes do camiño, e menos mal que diante levabamos unha brigada forestal experta nas labouras de desbroce, cruzamos un feixe de regueiros que anegaban o camiño e pasamos ó carón de muros vestidos con espesas capas de musgo, e nun paso angosto, un chisco despois de que comezara a chover, atopamos un feixe de barrosas que facían unha barreira estática que non había xeito de atravesar.

Despois de varios intentos para que as vacas tiraran para adiante ou para atrás, Patri e Fany inzáronse ó muro e lograron partir en dúas a manada, xogándose o tipo fronte ás enormes cornamentas, e xuntos, mulleres, homes e bestas, fixemos o derradeiro tramo que nos separaba do pobo de Tibo, no corazón do val da Peneda.

Aquí quedaron Isabel e Patri, alertadas do enorme desnivel que tiñamos que sortear na última etapa para chegar ata o coche. E partimos o resto a “ritmo eivadiño”, escalando pola aba da montaña por un estreito sendeiro que, conforme gañabamos altura, nos daba unhas boas panorámicas da aldea e do canon polo que avanza o río da Peneda para sumar as súas augas o Leboreiro.

A chuvia se intensificou nos últimos quilómetros, nunha costa infame que puxo a proba a recuperación da patiña Xacobe e que a min deixoume algo mancado do xeonllo, aínda que non detivo o ritmo dos tres eivadiños que fixeron unha subida épica, impecable... bo, non tanto, xa que preto da estrada tivemos que sortear un monte de merda de vaca que traspasara o cercado dunha granxa e anegara parte do camiño.

Rematou aquí a nosa ruta, que nos levou unhas cinco horas a bo ritmo, e para celebralo o Xacobe lle ensinou o cu a uns seareiros mentres mudaba a roupa mollada. Recollemos ás rapazas e emprendemos o retorno á metrópole, sen máis anécdota que as moitas veces que o noso Industrial se perdeu no medio da noite arraiana, aínda que a culpa, como sempre, a tiña eu, por ir medio adurmiñado entre os novos fichaxes do noso grupo. Pois será...

E153 Trilho das brandas (Arcos de Valdevez)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 20 de decembro de 2009

Exactamente pasou un ano e un día dende que un feixe de aguerridos eivadiños ascenderamos á Serra do Soajo na procura das pegadas dos lobos arraianos, ou máis exactamente das primeiras neves dun inverno no que moitas cousas estaban por mudar, iniciándose outro deses ciclos vitais que nunca rematan, pois é sabido que a espiral é o destino das nosas existencias, as veces semella que estamos outra vez no punto de partida, máis so é unha ilusión pois nin tan sequera nós somos os mesmos.

Daqueles que chegamos ó lugar de Rouças, na freguesía de Gavieira, enclavado no corazón do parque natural de Peneda-Gêres, naquela ocasión, e con idénticos obxectivos, só repetíamos Miguel e máis eu, insistindo nesa teima dos tres últimos anos. Georgia e Xaime, aínda que non son moi partidarios de adiantar en dúas horas a nosa convocatoria, viñan animados polas prediccións meteorolóxicas, que daban a posibilidade dunha nevarada. E tamén alentadas co feitizo das montañas brancas viñan Fany, Cari e Bego. Un alento fresco o que traen estas mozas ó noso grupo e que fainos presaxiar unha boa semente de pegadas, sorrisos e palabras para o ano que comeza.

Polas estreitas rúas da inverneira subimos ó carón do río Grande, que tributa as súas augas o da Peneda, que da nome a todo o val, comezando un tortuoso ascenso que ía por a proba ós novatos e ós veteranos, xa que dende os primeiros metros do camiño carreteiro que zigzaguea cara á serra tivemos que extremar as precaucións polas abundantes capas de xeo que cubrían amplas zonas do mesmo.

Como compensación a este esforzo estaban as marabillosas panorámicas do val que acadabamos na subida, e a calidez dun ceo azul que recortaba as montañas das serras do Soajo e da Peneda e que axudaba a combater as baixas temperaturas que solidificaran a auga sobre as pedras. O Miguel impuxo, unha vez máis, o ritmo eivadiño, e dende as primeiras costas Georgia quixo demostrar que xa levaba un bo feixe de saídas na mochila, e seguiu o seu rebufo. O resto do grupo seguimos con decisión ¡non había outra! sorteando as placas de xeo que, especialmente nas zonas sombrías, puñan en apretos a máis de un.

Embutidos nas nosa roupas e calzados hidrófugos contrastabamos fortemente cunha vella arraiana que baixaba polo monte enloitada e con botas de goma, chimpado tras dunha vaca a que chamaba Mimosa. Eu xa advertira no inicio da ruta que non quería mimos no monte, e ninguén chistou máis da conta quizais porque o desnivel que tiñamos que sortear non lles permitía abrir a boca máis que para mandarlle unha trabada o aire xeado que viña dos cumios máis pretos.

Así dimos en chegar a pista que ven de Gavieira, onde o terreo perde verticalide, e na que media ducia de tenreiras de raza barrosa nos franqueaban a entrada na branda de Gorbelas. Xaime fixo un amago de tourealas, pero nin coa axuda da súa chaqueta vermella conseguiu que se lle acercaran. Durante xeracións, este pequeno poboado só estaba ocupado durante a estación estival, cando as xentes de Rouças subían co gando, familia e ata mobles, en busca de pastos máis frescos.

Era cousa habitual nesta zona que os seus habitantes dispuxeran de dúas vivendas: unha para os meses máis quentes, nas brandas da montaña, e outra para os máis fríos, nas inverneiras do val. E aínda persiste, aínda que minguada, esta tradición, a pesares de que moitas brandas acabaron por converterse en poboacións estables.

Atravesamos a branda admirando a peculiaridade dunha arquitectura arcaica, onde parece que se parou o reloxo da historia, e un par de vellas asoman ás fiestras con curiosidade, mentres inzamos un balbordo de cans do Leboreiro, raza fera de pastores que é quen de enfrontarse ó lobo. Os nosos bandullos ouvean como en noite de lúa chea, e decidimos facer un alto no camiño á saída da branda, nun lugar soleado onde damos conta das tortillas e da empanada que trouxemos de Puxeiros.

Con forzas renovadas reemprendemos a marcha acometendo un forte desnivel por un estreito camiño de laxas que se abre entre o penedío no que temos que estremar as precaucións, xa que o xeo cubre zonas cada vez máis amplas. Gorbelas vaise facendo cada vez máis pequeno e non tardamos en ver a branda a vista de paxaro, pouco antes de chegar ó Poulo da Seida. Este lugar é unha vella e abandonada branda de gando, esquecida no tempo e na memoria, a cal permitía unha pernocta máis segura ós pastores e os rabaños, para protexerse do frío da noite e da ameaza dos depredadores.

So nos resta un pequeno esforzo máis e xa estamos no Couto da Redonda, a 1268 metros de altitude, onde comezamos a seguir a liña dun dos muros do Fojo do Lobo, unha estructura singular onde se acurralaban e se daba caza a estes mamíferos que chegaron a atoparse en perigo de extinción. A calivera dunha vaca testemuña que non foi así nesta zona, e na baixada unha velliña nos confirmará que aínda andan algúns exemplares vagando ceibes por esta serra.

O Xaime escoita aquí os ouveos dos seus afíns, e unha vez no foxo trátase de imaxinar, coma todos nos, o sufrimento destes animais unha vez que caían na trampa. O resto do grupo non se atreve, nin tan sequera, a inzarse ós muros gastados polo paso do tempo, pois xa teñen dabondo con sortear as laxas xeadas do camiño.

Aquí remata o sendeiro, e ó tratarse dunha ruta lineal teríamos que facer a volta polo mesmo itinerario de subida, pero decidimos, como fai un ano, baixar cara a branda de Gorbelas directamente dende o foxo. O desnivel que sorteamos é importante e polo menos teño constancia dunha caída, a de Fany, aínda que despois me contan que Bego tamén deu co cu no chan.

Pese a estes contratempos e as queixas de Georgia, que confía pouco na capacidade de improvisación do guía, chegamos a un camiño carreteiro que, sorteando un mosaico de campos cubertos por unha fina capa de xeada, condúcenos con rapidez á branda, aforrándonos un bo treito de camiño. As temperaturas baixan co descenso do sol, e o descenso cara o val multiplica o tormento da subida, pero as tropas eivadiñas aguantaron ben o tipo, sen que cundira o desánimo cando vimos a unha vellas choutar con rapidez polas pedras e charcos que nós sorteabamos con extrema precaución.

Chegamos a Rouças xa cando as tebras comezaban a cubrir o val da Peneda, xa cun alento de neve, e para rematar tomamos uns cafés na taberna, onde asistimos a toda unha declaración de intención dos seareiros que alí se atopaban. Por unha parte dicían que nin por un milleiro de ouros subirían ata o foxo en tal día coma este, de seguro por tódalas veces que por forza tiveran que ir co gando cara os pastos que se atopan o abrigo do alto da Pedrada, e doutra fixeron afirmación da súa pertenza á raza galaica, orgulloso que os lusos de alén do Douro se refiran a eles coma “os galegos”.

E así, coa lembranza de esa Gallaecia que aínda perdura no subconsciente dos que quedamos a un e a outro lado da fronteira, emprendemos o regreso á metrópole, máis sabendo que é unha despedida provisoria, xa que moi pronto, xa no próximo ano, volveremos a estas terras que sentimos como nosas.


Un anaquiño de mín


Lúa, 14 de decembro de 2009

Penso que non somos outra cousa máis que un contedor de lembranzas, que eses momentos intensos ou máxicos, tenros ou escuros, amables ou feros, son o que nos conforman, o que nos move nunha ou outra dirección, o que fai que os nosos sentires teñan unha determinada intensidade, e os que tinguen de cores os nosos soños, os que perseguimos durmidos ou espertos.

E seméllame importante que a primeira liña da miña cobertura emocional, aquela que nomeo como a miña compañeira, sexa participe destas lembranzas que me conforman, anacos tan importantes da miña anatomía como a miña carne e os meus osos. Por iso aledeime de facerme acompañar de Georgia hoxe á inauguración da mostra fotográfica e da proxección audiovisual coa que iniciaba o programa de festexos do décimo aniversario do Club de Camiñantes.

Non foron máis de tres anos os que participei activamente nas actividades do CdC, dende setembro do 2001 coa travesía de Vilanova a Ribadelago, ata novembro do 2004 ca andaina polas serras de Fornelos e Pazos de Borbén, xa que a partires de aquí as miñas aparicións foron esmorecendo e se reduciron a presencias testemuñais, unha ou dúas camiñatas ó ano, pero neses tres anos mudou totalmente a miña relación coa montaña, e a montaña rematou por mudar un xeito de relacionarme tamén coa xente que estaba ó meu carón.

No Punto Xove as paredes estaban ateigadas desas lembranzas que me fixeron fanático de Camiñantes, e funlle mostrando á miña metade algunhas imaxes que levaba gravadas no máis fondo, ensinándolle as craves para entender por qué teño esa insistencia en erguerme domingos e feriados para botarme ó monte como un fuxido. Explicáballe os lugares, as xentes e as circunstancias de cada fotografía pertencente á etapa na que militei máis activamente, perdido nunha tormenta de neve no Circo de Gredos, onde só nos salvou a determinación e experiencia do tío Marcos; no camiño dos contrabandistas do Leboreiro, que os meus antepasados fixeron unha morea de veces co alento dos gardas civís na caluga; naquela terrible travesía dos Ancares, na que tivemos un bo número de baixas; ou a dura pero estimulante de Somiedo, na que fixen equilibrios no Pico do Muñón con dúas mochilas...

Algúns dos que saían nas imaxes xa lle eran familiares, aínda que algúns, coma eu, perderan pelo ou botaran bandullo, porque son parte dese apéndice que xurdiu do CdC, e que dimos en chamar Eivadiños: Miguel, Xacobe, Nacho... e máis recentemente Isabel, Iolanda, Salomé... e Zalo, claro, sempre Zalo. Principal animador de ámbalas dúas empresas, alma mater sen o cal, non me cabe a menor dubida, non habería motivos para celebrar este décimo aniversario. Outros funllos presentando conforme aparecían nas fotos ou entraban na sala, pois pouco a pouco empezouse a animar o local ante a expectativa da presentación do audiovisual de Isaac, o que xa nos tiña gañados coa exquisita selección de imaxes en papel que tiña pendurada das paredes.

Pese ás limitacións técnicas coas que foi producido, penso que conseguiu emocionar a máis dende o principio, que tamén conseguiu arrincarnos máis dunha gargallada. A cousa tiña un bo ritmo, alternando fotografías de tódalas épocas de Camiñantes con entrevistas as xentes que confluímos neste proxecto, e collido da man da miña moreniña fun quen de volver a camiñar polas paisaxes que forman o meu imaxinario particular, e de reeditar as ganas destes e outros espacios nos que compartir pegadas, sorrisos e palabras. O único que lle podía evitar era o espectáculo de verme estomballado nunha hamaca, respostando as preguntas do entrevistador como se estivese nun programa do corazón ¡vaia pinta, rapaz!. O homenaxe final a Zalo era máis que merecido, e os aplausos para Isaac tamén, que fixo un bo traballo.

Trala proxección, mentres degustabamos os canapés e tortillas que prepararan Salomé e Comba, dous deses novos valores de Camiñantes que traballaron tamén arreo para este día, repartín abrazos e bicos con esa xente especial que, dun xeito ou de outro encheron tamén o meu contedor de lembranzas: Mariano e Giovanna, que xunto con Míriam está a piques de traer o mundo unha nova xeración de camiñantes; Uxío e Montse, que xa tiñan as súas cativas correteando entre nós, e Manuel, da que non se afastaban as súas; o meu caro Nacho, xermolo primixenio dos Eivadiños, compañeiro de mil aventuras; Conchi e Dani, os que me agasallan coa súa amizade dende fai ¡carallo, como pasa o tempo! máis de vinte anos... ata Mónica, a eterna número dous, viu especialmente para o evento.

Non estabamos todos, e seguro que aínda así me esquezo de alguén, pero sentinme ben orgulloso de formar parte desta historia, e de poderlle mostrar outro anaquiño de min á miña compañeira. Quizais o domingo, cando o espertador volva a berrarnos a cita coa montaña, entenda algo máis a miña urxencia por poñerme outra vez as botas.

E152 Sendeiro da Croa (Vilaboa)





Descripción do percurso e mapa (pdf)
Domingo, 13 de decembro de 2009

Na véspera se me multiplicaran as peticións dunha ruta axeitada para as diversas doenzas que asolaban as filas eivadiñas, e confiárame de máis ós feitizos da noite, resultando que cando nos reunimos no Concheiro as miñas neuronas estaban nun estado lamentable, incapaces de articular un plan efectivo para darlle, unha vez máis, contido ó día Sol.

Menos mal que xa artellara un esbozo do que podíamos facer, e que o grupo non viña con ganas de liorta, porque o certo é que seguíame a parecer pouco axeitado o de saír seis persoas en tres coches, nada máis que para cruza-la ría. Aparte do que subscribe, viñeron Miguel, Xaime e Iolanda, Xacobe, Isabel e Patricia, cada quen aqueixado da súa eiva, menos a última, que seica imos ter que partirlle algo para que deixe de fachendear de que non lle doe nada.

Baixo un ceo primaveral chegamos a Santa Cristina de Cobres, e deixamos un dos coches no barrio de Larache, onde comezaba o noso sendeiro, e dimos unha volta innecesaria ¡xa dixen que as neuronas estaban algo danadas!, para chegar ó porto, fronte ó cal se atopa un deses comedeiros que xa é habitual nas nosas saídas, a Casa Aurelia. Nun tris tras devoramos unhas boas racións de empanada de zamburiñas, polbo á feira, chipiróns á prancha e croquetas (estas últimas o único que sobraba no menú), baixamos unha botella de mencía e aínda nos quedou oco para a sobremesa: tarta de café e de queixo. Bo, bonito e barato, ¡que máis lle podíamos pedir!.

A min seguían sen darme as contas cos coches, pero nin o noso Industrial foi quen de atopar unha solución mellor, así que conducimos ata a praia de Paredes, onde aparcamos e demos comezo ó sendeiro. Démoslle as costas á desembocadura do Verdugo, sobre a que se alza a ponte do camiño de ferro, e a antiga fábrica de cerámica de Pontesa, o clube de piragüismo e a estrada nacional, e avanzamos por unha pasarela de madeira que discorre ó longo da costa, rodeando o lugar de A Cerca, e pasando por Punta Ulló e Punta do Castelo. Aquí detémonos un chisco a repasar a toponimia: fronte a nós as Illas Alvedosas, e máis alá o monte da Peneda, sobre a poboación de Arcade, e algo máis lonxe os montes do Galleiro e o Vixiador.

O concello de Vilaboa fixo unha grande actuación na zona, xa que ós tramos que discorren entablillados sucédenlle outros empedrados, sempre seguindo a franxa do litoral, ata chegar a Banca de Sacó, unha grande extensión rectangular que foi pechada por grandes muros de granito, furados por unha morea de canles que servían para a explotación das Salinas de Riobó, e onde me aseguraron que tamén se atopaba un muíño de mareas. Deste último non quedan vestixios, pero os muros da Banca tamén foron rehabilitados polo concello, se limparon os camiños de acceso, e o espazo converteuse no lugar de lecer que é hoxe.

Rodeamos o enorme terreo anegado por mor da marea, e pasamos ó carón das Xunqueiras do Ulló. Nesta área podemos distinguir diferentes ecosistemas: o bosque de ribeira, onde predominan bidueiros, amieiros e carballos, e onde con sorte, como tiveron Xacobe e Xaime, pódese ver o pequeno cardeal, recoñecible polo seu peito vermello; a Carriceira, onde encora a auga doce, e onde a gaioliña bicuda atopa o hábitat idóneo para aniñar; a Marisma, pragada de altas matas de xunco mariño e onde a garza real permanece inmóbil á espreita de algún pequeno vertebrado co que alimentarse; e a Enseada, chaira intermareal, de augas predominantemente salgadas, cuberta en parte pola ceba, onde poden atoparse grandes concentracións de pato asubiador.

Claro que non é doado decatarse de todo esto se un non se para diante dos carteis informativos, nin se pasa a presa por esta sucesión de ecosistemas, como fixeron as mozas que ían en cabeza, Isabel, Patri e Iolanda, tan entretidas na conversa que non se detiveron ata chegar o muro sur da Banca, o que atravesa e pecha o mar, polo que animo ó grupo a camiñalo para que sintan a maxia que eu sentín dende a primeira vez que pisei estas pedras desgastadas polos aloumiños das ondas.

Dámoslle as costas ó mar e internámonos nunha fraga onde se agocha outra das referencias importantes da nosa ruta: as Granxas das Salinas. Agora non son máis que un fato de ruínas soterradas pola vexetación, pero en tempos este lugar bulía de actividade, xa que aquí vivían un bo número de traballadores das marismas, empregados nunha laboura que se remonta ó ano 1637, cando reinaba Filipe IV. Esta explotación foi dada en concesión ós Xesuítas de Pontevedra en 1694 e foi un auténtico motor económico para todo o Val do Ulló e especialmente para a parroquia de Paredes.

A ruta non ten desperdicio, a pesares de ser modesta en recorrido, nada máis abandonar a pequena fraga onde se atopan as ruínas das Granxas, saímos a outra zona de gran valor paisaxístico e que forma tamén un ecosistema peculiar: os Caralletes, nomeado así por atoparse aquí un importante banco de navallas, que nestes lugares denominan así. O mar, na súa retirada, debuxa aquí un feixe de liñas caprichosas, nas que se reflexa a terra, a fraga e o ceo, mentres un feixe de aves acuáticas buscan alimento entre as augas lamacentas. Pouco importa que este tramo discorra por asfalto, xa que a beleza do entorno o compensa.

Preto do Peirao de Acuña, un coitelo afiado que serve de acubillo a media ducia de gamelas, tomamos ó asalto un laranxeiro e saboreamos unha froita que roubada sabe sempre mellor. Pasamos ó carón dunha fábrica de conservas pisando un firme composto por miles de cunchas de croques, tan familiares antano nos camiños ribeiregos. Din que tamén é un bo fertilizante, e será xa que a partires de aquí tamén atopamos un bo feixe de viñas e de campos de millo.

Por un carreiro que discorre entre uns e outros tomamos un pequeno aire para atopar unha boa panorámica da Enseada de Larache, que tamén esta parcialmente pechada por un muro, aínda que descoñezamos a súa utilidade.

O río que desemboca aquí, do que ignoro o nome, debuxa uns fermosos meandros, ben visibles por forza da preamar, e tanto Xacobe coma eu detémonos a tirar os últimos disparos, aínda que co equipo e co ollo do noso Industrial non me atrevo a competir.

Sen máis novidade chegamos o barrio de Larache, onde espérannos o cochiño de Isabel, que aínda quere desafiar a sorte meténdonos a todos dentro, para ir a recoller os que quedaron no inicio da ruta. O final marchou o Xaime coas mozas, e o Xacobe máis eu camiñamos costa arriba cara Santa Cristina, para agardar por eles no primeiro bar que atopamos aberto.

Quizais a ruta foi cativa de máis, pero eran moitas as eivas que sumabamos entre todos, e ademais as horas de luz nesta época do ano son as que son: poucas. De tódolos xeitos foi un paseo agradable e, coma sempre, en boa compaña ¿podemos pedir máis?.

E151 Ruta do Xabriña (Covelo)







Martes, 8 de decembro de 2009

Seméllaseme que ás veces non son precisas as palabras para que me escoiten, e que os meus son moi capaces de atopar nos meus silencios o berro agochado, a materia gris que sementa de tebras nos meus soños, e que nos últimos tempos me levou a reflexionar sobre o futuro desta teima que seguimos chamando Eivadiños. E así, cando se me fan inapetentes os horizontes, e a ambición de novos camiños se esvaece, acoden a min homes e mulleres inzando novas razóns, bandeiras de enganche para que as miñas pegadas sorrían e recuperen a súa vocación de confundirse con outras, deseñando unha coreografía novedosa na que se suman os valores de cada bota.

Así, nestas horas nas que a tentación do fin me cerca, xorden un feixe de eivadiños para darme desinteresada cobertura, aínda que adiantaramos un par de horas a convocatoria, e fanme repasar algúns momentos marabillosos da nosa modesta biografía. Ademais de Zalo, alento e motor principal desta historia, e de Salomé, ca que establecín complicidades máis alá dos camiños, xurde un daqueles cos que compartín a pateada iniciática nas carballeiras de San Xusto de Sacos, Xurxo, e que durante moito tempo foi un dos activos fundamentais desta película.

Súmanse Ramón e Yuka, ós que non me chegarán os días para agradecerlles os segredos que me foron desvelando pola xeografía portuguesa, e Georgia, que me revela outros segredos e outras xeografías, aínda máis tenras, e que amabiliza as miñas horas para que deixe de invocar ó Apocalipses. E Xaime, Miguel e Alex, pilares sobre os que sosteño algo máis importante que este feixe de crónicas, o combustible que alimenta os meus días, máis que amigos: Irmáns. E para engadir novos pulos que me devolvan as ganas de erguerme domingos e festivos, unha nova incorporación, a de Fany, que dende o primeiro momento é quen de contaxiarme ca súa vitalidade desbordante.

Facía tempo, se descontamos a anterior conxunta cos Camiñantes, que non eramos tantos os que saímos do Concheiro, e penso que aínda fomos bastante lixeiros en arrancar, aínda que xa se sabe que “nunca chove a gusto de todos”. Desta non chovía, e ben que o agradecíamos, así que unha hora máis tarde, despois de aprovisionarse no alto de Puxeiros, chegamos ó noso punto de partida, situado na parroquia de Paraños, pertencente ó concello de Covelo.

Enfundados en roupas hidrófugas, por se finalmente o ceo estoupaba e as nubes daban en romper augas sobre nós, atravesamos un pobo de casas nobres, en bo estado ou reconstruídas con certa elegancia, unha mostra de que é posible, de que existe un xeito de conservar as estruturas do pasado e dotalas das comodidades de hoxe, e de integrar todo esto nun conxunto harmonioso. O que non debía harmonizar era o párroco a quen dedicaban un enorme cartel colgado fronte a igrexa que, ó carón do debuxo dunha vella axeonllada nun confesionario, rezaba: “Señor cura, mentir é pecado”, e unha mosca que dicía: “Venial, roubar si é pecado mortal”.

Dándolle as costas ó pobo internámonos nunha fraga na que se mesturan castiñeiros e carballos, e conforme imos acercándonos ó río, amieiros e bidueiros. A diversidade dos bosques da ribeira do Xabriña é un dos seus principais atractivos, e tamén atoparemos abeleiras, salgueiros, loureiros e mesmo concentracións importantes de acivros. Pero a verdadeira protagonista da xornada é a auga, xa que a derradeira crecida, que tan só fai dous días nos faría imposible pensar en facer esta ruta, descubriunos unha paisaxe de una beleza, nunca mellor dito, desbordante.

A temperatura era agradable, e o ceo non ameazaba, os camiños estaban limpos, era unha auténtica marabilla camiñar a beira dun río que era unha sucesión de saltos de auga, e creo que todos estabamos enfeitizados co espectáculo. Descendemos un pequeno tramo, ata o lugar de A Lagoa, onde cruzamos por unha ponte de madeira para cambiar de dirección, e seguir a montante, descubrindo os primeiros muíños, outro dos atractivos do sendeiro. Son máis de trinta, aínda que moitos deles están en ruínas, atópanse limpos de maleza, e todos teñen un carteliño co seu nome. Camiños dourados de follasca seguindo o manto níveo que cubre a práctica totalidade da conca fluvial, mentres o grupo confundía, unha vez máis, pegadas e palabras.

Á altura do lugar de O Outeiro cambiamos outra vez de ribeira por un pontillón de pedra, longo e estreito, que de seguro leva aguantadas unhas cantas crecidas, aínda que confirmamos a dirección: sempre cara arriba, na búsquea das súas fontes. Neste cruzamento Yuka tivo a mala fortuna de meter un pe na auga, e tivo que mudar o calcetín, onde se confirmou que hai que ser previsores, e non deixar toda a muda no coche, como fixera a maioría. O Zalo anotaba este e outros retrasos (para coller castañas, acariñar a unha cristalina ou para tirar fotos a unha fervenza) con preocupación, pois o ritmo non era o axeitado para completa-la ruta. Non lle faltaba razón, pero así somos nós: imos ó ritmo do máis lento e non deixamos a ninguén atrás.

Algo máis adiante cruzámonos co Camiño da Franqueira, moi preto da area recreativa do Roupeiro, e volvemos cruza-lo río. Nese lugar atopase o muíño da Feixa rehabilitado que é utilizado como aula didáctica, e o sendeiro discorre por unha levada a carón de fermosos saltos de auga, ocasionados por pequenas presas coas que se desviaba parte do caudal para o servicio dos muíños. Para completa-lo fermoso conxunto unha pontella de lousas atravesa o Xabriña douscentos metros máis adiante, aínda que nós non fagamos uso del.

No Pozo do Demo reagrupámonos, xa que ata aquí fomos partidos en dous grupos, e afastámonos do río nun tramo que discorre encanonado, para saír á estrada nacional 505, que cruzamos preto do lugar de Portaseixas. O camiño devolveunos ás beiras do río, as fragas enfeitizadas e a unha sucesión de senlleiras pontes de madeira por onde sorteabamos un feixe de regatiños que tributaban o Xabriña.

O máis importante deles é o Azal, que seguimos a montante internándonos na carballeira das Millariñas, se cadra aínda máis exuberante que os bosques de ribeira que deixamos atrás. Estou certo que esta paisaxe atopase embelecida polo incremento do caudal deste río, que normalmente non leva tanta auga como para ser merecedor dese nome, e que este día era o máis axeitado para recorrelo.

Por unha pequena ponte de madeira, ó carón dunha fabulosa fervenza, cambiamos de ribeira, e descendemos cara o punto onde o Azal desemboca no Xabriña. Unha vez alí, co grupo ó completo, afastámonos algo do río principal, aínda que seguindo paralelos a el, por un camiño carreteiro que se interna en outra carballeira impoñente, no lugar das Chozas. Ata aquí case non nos decatamos de que estabamos a ascender case dende o principio, pero aquí empinase un chisco máis o camiño e algúns xa están a reclamar o xantar.

Volvendo ó encontro co río atopamos un novo problema: o paso de poldras polo que é obrigatorio pasar está baixo as augas, e temos que descalzarnos e remangar os pantalóns para cruzalo. Algúns, como Zalo e Miguel, son máis ousados e atravesan o cauce en calzóns, e mesmo hai valentes como Xurxo que se ispe e mesmo aproveita a situación para mergullarse, recuperando unha das vellas tradicións eivadiñas.

Ramón e Yuka non o ven moi claro, e deciden seguir pola outra beira buscando un xeito de achegarse a Ponte Folón, onde por forza temos que pasar tamén nós. Cando chegamos alí non atopamos nin rastro deles, e despois dun bo rato decidimos continuar, por si saíron máis adiante. Xuntámonos con eles na entrada ó Prado da Canda, onde nos urxe tomar importantes decisións.

Xa advertira o Zalo que o noso ritmo non era o axeitado para completala ruta, e que si emprendiamos o ascenso cara o lugar de A Lamosa era bastante posible que baixaramos polo camiño de volta de noite. Así que tiñamos dúas opcións: a de incrementar o noso paso para evitar o regreso entre tebras ou facer o aire que recorre o conxunto etnográfico que se espalla por toda a aldea, e atopar un sitio agradable onde xantar. Acordamos a segunda alternativa, e pasando fronte a fermosos petos de animas, cruceiros, canastros e casas solarengas, detémonos as beiras do río Azal, fronte as ruínas dun muíño e dunha ferrería, e damos conta das nosas provisións.

Trala abundante inxestión de tortilla, empanada, pasteis e outras viandas volvemos a atravesar o pobo, e non tardamos en pasar sobre as nosas pegadas, baixando ata a Ponte Folón, onde sen demasiados problemas enlazamos co tramo da ruta que ven da Lamosa. Un sendeiro que avanza algo afastado do Xabriña deixándonos, ás veces, unhas boas panorámicas da sinfonía de cores que o outono debuxa nunha fraga enfeitizada. Aquí volveuse a romper o grupo, e Zalo decidiu face-la guerra pola súa conta, canso de ter que agardar con esta pandilla de eivadiños preguiceiros.

Camiñando outra vez polas beiras do río avanzamos fragmentados en tres grupos: o guía fuxindo en cabeza, tras del Georgia, Alex e Salomé, e o resto nun pelotón que, as veces, tamén se esnaquizaba. A pesares de estar a transitar polas mesmas paisaxes que na ida, dende este lado adquiría todo un novo prisma, e en ningún momento nos resultou monótono, xa que a beleza de auga, terra e árbore enchíano-los sentidos. Mais aínda chegando ó Pozo do Demo, onde pasamos sobre o estreito canón que forma o Xabriña, unha fenda na que se sucedían un feixe de fervenzas, a cada cal máis sorprendente.

O derradeiro tramo fixémolo afastándonos definitivamente dese río que tantas imaxes belísimas nos dera, avanzando por congostras que se abrían entre a fraga e por corredoiras que discorrían entre campos. Xa en Paraños tiven un pequeno accidente, xa que quixen capturar as ultimas postais nun regato que se derramaba en un feixe de atoles, e pisei na area pensándoa firme e resultou movediza, e acabeille soterrado ata case os xeonllos. Yuka, despois de rir un bo anaco, aínda me quitou unhas fotos para que os que non estaban no momento tamén riran.

E colorín, colorado, así demos rematado.

E150 Sendeiro dos Carranos (Covelo) Co Club de Camiñantes


Sábado, 28 de novembro de 2009



Descripción do percurso e mapa (pdf PR-G 95)

Antolláseme difícil a tarefa de facer unha crónica á altura das circunstancias, na que describir os sentires que me recorreron nesta xornada na que os Eivadiños e os Camiñantes en vez de medir forzas xuntáronas, e compartiron pegadas e palabras, facendo causa común, porque en definitiva son máis as cousas que nos unen que as que nos separan.

Penso que sería máis axeitado que fose Zalo quen escribira esta páxina da nosa historia, porque en definitiva el é o xermolo e alento principal destes colectivos que xa chegan o centenar e medio de convocatorias, máis de trescentas saídas entre os dous, e porque penso que sen os seus desvelos outra cousa sería e mesmo, polo que atangue os Eivadiños, non sería, xa que para nós sempre foi imprescindible o seu apoio. A súa prosa, ou máis ben a súa épica, é sempre difícil de superar, así que non vou intentalo, polo que espero que se algo se me queda no tinteiro teña a ben corrixilo ou engadir as anécdotas que non fun quen de recoller.

Axeitado sería tamén que fose Salomé, incansable camiñante e principal alento das tropas nómadas, quen nos fixera un relato agarimoso desta andaina conxunta, xa que os seus sentidos captan cousas que a min se me escapan, e é quen de interpretar a linguaxe da terra e ata nos silencios atopa os seus sentires. Ou o noso Miguel Panette, quen levou todo o peso da organización deste evento, dende a xestión da merenda ata a folla de ruta, e que sempre confecciona unhas crónicas moi emotivas, aínda que lle leve o seu tempo.

Pero se non hai outra, e esperando que calquera dos citados, ou do resto dos asistentes, lle engada o que estime pertinente (ou impertinente), fareino o mellor que poida... O certo é que os Eivadiños levabamos os deberes feitos. O domingo anterior fixeramos o sendeiro dos Carranos na súa totalidade, constatando que non hai moito que remarcaran a ruta e que limparan aquelas partes do camiño nas que a vexetación estaba máis mesta. E durante a semana o Miguel estivera ó tanto da xente que se sumaba á merenda dende o foro do CdC, ata acadar o número de trinta ¡era algo máis do que esperabamos!.

Ó final fomos corenta e tres os que aparecemos na rectoral de Fofe, o punto que fixaramos como partida. E cando chegamos os anfitrións xa estaban o groso das tropas camiñantes a enfundarse en roupas hidrófugas e botando as mochilas ó lombo. As prediccións meteorolóxicas non eran boas, e xa estaba caendo unha poalla persistente, mentres se multiplicaban as apertas e os bicos nos reencontros con aqueles que levabamos tempo sen ver.

Para min foi especialmente emotivo atoparme outra vez con Uxío e Montse, con quen non coincidía dende o noveno aniversario do CdC, dos que gardo boas lembranzas e cos que deseguida xorden os sorrisos sinceros. Espertóuseme nostalxia do Belelle, daquel fin de semana bonito no que nos acolleron alí.

Tamén agradoume a sorpresa de que fixera presencia un dos fundadores dos Eivadiños e membro daquel extinto Cómite Central dos Camiñantes, o Nacho, que estivo orbitando na miña cobertura emocional durante anos e que levaba un tempo desaparecido. Aledoume volver a compartir camiños cos amigos do Casal de Sistelo, Ramón e Yuka, eivadiños de primeira, exploradores incansables do norte portugués, que lograron vencer a súa fobia polas multitudes para esta ocasión especial.

O Alex, un dos novos valores do noso grupo, que na véspera o dera todo no concerto dos Aphonnic (non ser ñus é teclear http://www.aphonnic.com/ para escoitar a súa música), flipaba co poder de convocatoria do CdC, mentres saudabamos agarimosamente a Salomé, que ten o corazón tan grande como para sentirse camiñante, eivadiña e nómada ó mesmo tempo.

Saudei a outra que milita eventualmente en un ou outro club, Isabel Miranda, que viña con reforzos, a quen tiven que lembrarlle que aínda debía a crónica do Sendeiro da Liberdade. E celebrei tamén o encontro con Mariano, compañeiro de andainas e trepadas, e Giovanna que tentaba transmitirlle a Noa, aínda crecendo no seu ventre, o amor polas nosas xeografías.

Puxémonos en marcha o mediodía, dispostos a recorrer outra vez as terras de Covelo, situadas no extremo meridional dun extenso cordón montañoso que se estende de norte a sur do país, a Dorsal Galega. Estamos nunha área de media montaña cun relevo de contrastes altitudinais –configurada en torno ó Coto de Eiras, a Serra do Suído, a Serra do Faro de Avión, os montes do Paradanta e o val do Tea- que recibe a influenza directa das borrascas atlánticas.

Baixo o influxo dunha destas borrascas baixamos Eivadiños e Camiñantes mesturados, -non hai camiñante sen eiva, nin eivadiño sen camiño-, dándolle ás costas á estrada e internándonos nunha congostra empedrada pola que aínda son visibles as pegadas dos carros.

Ó fronte do pelotón o Panette avanza advertindo que as pedras están esvaradizas, e aínda que xa avisara no foro do CdC de que o terreo estaba bastante enchoupado e de que se trouxera calzado axeitado vexo que hai xente destemida e que se atreve a face-la ruta en tenis. Máis adiante confesarame que é novata... eso si, non lle escoitei unha queixa.

Tampouco a Iolanda, que aínda está en fase de recuperación do seu accidente no Kilimanjaro, se lle escoitou queixa algunha e baixou cara o río Tea, o tramo máis accidentado de todo o traxecto, a bo ritmo. Mentres, eu andaba para adiante e para atrás competindo cos numerosos fotógrafos que tentaban captar a maxia da carballeira pola que camiñabamos, falando con Isacc, que está a levar a organización dos actos do aniversario e que anda todo ilusionado con esta tarefa e ca súa próxima paternidade e con Montse, a quen tento convencer para que nos agasalle cun dos seus escritos para darlle novos pulos á nosa bitácora.

Chegamos á ponte medieval de Fofe sen novidade, e mentres Miguel comanda ó grupo polo aire que leva ata o Muíño da Ganza, eu quedo na beira do río esperando os rezagados. Xa sabedes, os Eivadiños non deixamos a ninguén atrás. Esto danos tempo a reagruparnos, e despois de facer reconto (o Zalo non daba feito con tanta xente), abandonamos o camiño carreteiro e seguimos unha senda de pescadores que vai pegadiña ó Tea, que neste tramo é dunha fermosura abraiante, alternando augas esmeraldas e níveas.

A borrasca parecía instalada definitivamente sobre as nosas cabezas, e a poalla transformouse nunha chuvia algo máis molesta, o que motivou que se formara unha caravana multicolor de paraugas ¡outra dos sinais identitarios dos Camiñantes! Aínda que teño que recoñecer que tiña o seu encanto o desfile de formigas imitando un arco iris.

A fraga de ribeira que discorría ó par do Tea é neste punto abraiante, xa que xunto ós carballos, bidueiros e salgueiros, atopamos bos exemplares de acivro, cerquiño e arando.

Tamén houbo algúns momentos de apuro para cruzar un pequeno regato que desembocaba no río, pero os corenta pasaron sen máis novidade, agás algún que mollou un chisco máis os pes. Algo máis adiante outro regato con máis caudal interrompía o camiño, pero unha pequena pontella de madeira, aínda que algo esvaradía, permitiunos sortealo sen problemas.

Neste punto o sendeiro vaise afastando do río, e o estreito paso de pescadores transfórmase nunha congostra máis ampla, deseguro parte do itinerario que seguían os carros tirados por bravos bois, carregados de madeira ou de toxo. Agora que enmudeceron as súas pegadas somos nós, camiñantes de toda condición, os que mantemos vivas estas arterias que recorren os nosos montes e chairas, e mantemos a memoria e mesmo somos quen de facer, tamén, historia.

E para que a nosa memoria colectiva, a do noso pobo, non se perda, é preciso que existan lugares como o que visitamos, despois dunha hora de marcha, e que forma parte importante do noso patrimonio etnográfico: o Serradoiro dos Carranos. Situado nun lugar idílico, na confluencia de dous regatos, está situado este complexo hidráulico que abriron, previa cita, para nós.

Aínda que chegamos á hora indicada aínda nos fixo esperar un bo anaco o Señor Joaquín (Miguel e Uxío fixeron as xestións necesarias para que viñera canto antes). Este bo home non era un funcionario do concello, como pensabamos, senón o propietario do serradoiro, e quen mellor que el, que traballou dende cativo, durante toda a súa vida, nesta “factoría” de carros, para explicarnos o seu funcionamento.

Eu fixen un resumen da información que recompilei sobre o tema, aínda que foi moito mellor escoitar de primeira man os segredos desta maquinaria que, penso, e bastante insólita:

O SERRADOIRO DOS CARRANOS

O serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído en 1922, coincidindo coa central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. Consta de catro edificacións: un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa, outro almacén auxiliar e o serradoiro propiamente dito. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima dos residuos e os raíles para o transporte da madeira ata a serra. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, e a súa localización se situaba á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

Está situado todo o complexo na xuntanza do regato de San Breixo e o de Vixiáns, e neste último se construíu unha pequena presa para facilita-la recollida de auga, que se canaliza a través de dúas comportas cara á levada que verte á noria, que ten un diámetro de máis de seis metros. Estas comportas ábrense á man, coa axuda dun sacho, e o acceso ata elas faise a través dunha escaleira tallada na rocha. No tramo final da levada unha última comporta permite abrir e pecha-lo paso da auga dende dentro do aserradeiro. A noria recibe a auga e transmite o seu movemento ó conxunto de rodas e correas de transmisión, que posteriormente moverán as máquinas.

As rodas e correas de transmisión atópanse no soto do aserradeiro. As rodas non se cambiaron dende a súa construcción, e incluso unha das correas, feitas en lona, e a orixinal de 1922. Dende aquí a forza só se pode transmitir ou a serra de cinta ou ó conxunto de dúas máquinas: un torno e un cepillo, que dispón ademais de serra circular e taladro, xa que só unha das correas pode estar traballando.

O aserradorio foi construído por Benito Valdes sobre a base dun antigo muíño, estando en funcionamento ata finais do século pasado ó mando de Joaquín Vales, o seu neto, e traballase a madeira da conca do Tea, especialmente carballos, piñeiros e bidueiros. “Os Carranos” como era coñecida a familia Vales, fabricaban táboas e vigas para a carpintería propia onde logo construían os carros, e tamén apeiros de labranza, estructuras para a casa e ata mobles. Aquí traballaron ata trinta persoas, nos tempos de maior actividade.

***
Mentres facíamos a visita cultural desatouse a furia dos ceos e Miguel, con moi bo criterio e exercendo o seu papel de líder, acordou que agardaramos dentro do sequeiro, aínda que algúns, como Mariano e Nacho xa tiñan dado boa conta do bocata, sen esperan a ninguén ¡que xente insubmisa, esta tropa do carallo!.

Unha vez que escampou e que rematamos o almorzo, señor Joaquín puxo en marcha o mecanismo que, coa forza motriz da auga do regato de Vixiáns, chamado tamén dos Carranos, se puña en marcha ó empezar a moverse a noria, as rodas e as correas déronlle vida ós diversos trebellos utilizados no tratamento da madeira, e o dono do serradoiro respostaba ás nosas preguntas. Despedímonos del satisfeitos pola visita, e puxémonos en marcha cara Maceira.

A nosa caravana multicolor pasou de esguello pola aldea de Pencellos, un feixe de casas rodeadas de campos nos que pastaban ovellas e vacas, onde as miradas máis curiosas detivéronse na Fonte de Maquián, rodeada de diversa iconografía relixiosa. Pouco máis adiante atravesamos o núcleo rural de Vales, no que se mesturan belas reconstruccións de casas solarengas con mostras salientables do feísmo galego, no que se mesturan os materiais de fortuna máis incribles.

Incrible é tamén o noso empeño, desafiando ós elementos e a cordura, mentres escoitabamos ó lonxe algo parecido ó ronquido dun corno. Non sabiamos moi ben a que era debido o monótono fungar dese son ancestral, había teorías para tódolos gustos, e Montse contounos que no Belelle utilizaban tamén a chamada do corno para as xuntanzas do pobo, aínda que neste caso semellaba que ben podía ser para espantar os lobos, que aínda quedan na Serra do Suído. E un seareiro que atopamos inzado a unha levada, para sortear o camiño enlamado polo que pasamos, nos confirma que o home que fai sonar o instrumento ancestral, que divisamos ó lonxe, faino ca intención de arredar o lobo do gando que pasta nos arredores da aldea.

Tomamos un aire cara a praia fluvial de Maceira, iniciando un abrupto descenso que fixo estremar as precaucións a máis de un, xa que o camiño empedrado estaba bastante esvaradío, e mesmo unha das filas camiñantes leva unha boa pancada, aínda que eu non me percatei ata máis tarde, cando xa de volta Iolanda me dixo que unha rapaza quedara atrás, quizais mancada, e subín con Alex a trote cochinero para atopar a camiñante rezagada, que non sufrira dano algún, senón que decidira esperar a nosa volta. Era outra a que caeu, pero esta si baixou ata a praia, na que non estivemos moito tempo porque caía sobre ela un auténtico diluvio.

Xa no regreso, unha vez pasado o punto onde comeza o aire, sorteamos o regato de San Breixo polos pasos de Portoliñares, un dos lugares máis emblemáticos, ó meu ver, da nosa ruta. Era algo máxico ver os camiñantes saltando polas poldras desgastadas, e deume mágoa quedarme no cruce, para que ningún despistado collera unha dirección errada, e non poder quitar unhas boas tomas para inmortalizar o momento.

Unha agrupación de lepiotas esperta o interese das xentes do Seixo e de Belelle, e na súa procura quedamos algo afastados do grupo, cos amigos do Casal de Sistelo, e finalmente é Miguel quen arrinca tres magníficos exemplares, mentres Montse inicia unha interesante explicación sobre fungos e cogomelos, que esperemos poder ver por escrito en breve entre estas páxinas.

Atravesamos unha tupida carballeira, na que tamén abundan as sobreiras, sen conseguir dar alcance as tropas dirixidas a “ritmo eivadiño” por Panette, disfrutando da conversa e da fermosura da natureza que nos envolve, mentres a chuvia volve mudar en poalla e, mesmo a momentos, a desaparecer. E non volvemos a contactar co grupo ata chegar outra vez o camiño onde se pecha o círculo e cólleos o sendeiro do río, o mesmo que fixemos de ida, onde parece que este aínda creceu un chisco máis.

Aproveitando a crecida un feixe de piraguistas decidíronse a cabalgar as augas brancas do Tea, nun tramo xa esixente que nestas condicións lles obriga a baixar das súas embarcacións para inspeccionar os pasos máis difíciles antes de afrontalos. Espértame a nostalxia daqueles tempos, si, pero ¡que carallo! eu xa tiven a oportunidade de soltar adrenalina, neste e noutros ríos, e ben que o disfrutei, e agora toca gozar da natureza doutro xeito, máis paseniño pero igualmente enriquecedor.

Chegados á ponte medieval apertámo-lo paso, non fora ser que nos deixaran sen merenda, e ascendemos a bo ritmo cara Fofe, sen saber que algúns dos nosos (e cando digo nosos xa non fago distincións), estaban a piques de chegar porque no seguinte desvío colleron o camiño de ida, o máis curto, en vez do de volta, e xa desapareceran cando nós chegamos a rectoral. Magoa non poder despedirnos como era axeitado, pero entendo que os que no quedaban a paparota tiñan ganas de chegar a casa e darse unha ducha quente.

Mudámonos de roupa e entramos no comedor cunha fame negra, e despois de xuntar as mesas que puidemos (quedaron un par delas illadas) procedemos a dar conta da merenda: empanada, croquetas, queixo e embutidos. Todo estaba exquisito, aínda que a min semelloume un algo escaso, quizais polo espacio que houbo entre prato e prato, e o viño podería ser algo mellor, pero penso que polo que pagamos estivo bastante ben, non sei que pensaría o resto.

O mellor de todo, e para rematar, foi o brindes do noso guía Panette, que falou moi ben falado do senso desta xuntanza entre Eivadiños e Camiñantes: somos diferentes, si, pero son máis as cousas que nos achegan que as que nos afastan.

Espero que esta crónica, con ser excesiva, non remate aquí, e que nos fagades chegar as vosas impresións, anécdotas ou insultos, que todo cabe na nosa bitácora, e que moi pronto volvámonos ver nos camiños. Apertas e bicoliños.

Palabras

Sinto esta noite que
as palabras están feridas,
as voces tremen e berran,
queren rabuñar nos sentimentos
e descubrir as cores fermosas
que están adornando
a nosa fala sempre,
a que nos avala a nosa existencia.

As palabras que a rapazada
debe abrazar como súas,
con orgullo e sen complexos.
Acaso, os tempos si son chegados,
despois de tanto temposoñando e agardando.

Luís Chapela Bermúdez

Seguidores