E290 Ascenso ó Castelo de Acher (Val de Hecho)

Marte, 24 de setembro de 2013

Moito madrugamos no noso segundo amencer no val de Salazar, pois os camiños que nos agardaban demandaban  de toda a xornada, e aproveitamos que o noso anfitrión puxera o espertador para atender os seus compromisos laborais e sindicais, que no seu caso viñan sendo os mesmos, para erguernos cedo. Eu durmira, por primeira vez dende que comezaramos a nosa viaxe, sen sobresaltos nin desvelos, quizais axudado pola fatiga e pola medicina a base de quinina e xenebra que preparara o doutor Urrutia na noitiña pasada.

Da cociña chegaba o arrecendo do café e do pan torrado, pois o noso amigo non descoidou ningún día, dos que almorzou con nos, o coidado ós seus hospedes, e cando cheguei alí xa estaba o Xacobe e máis o Miguel a rillar coma se non houbese outro día no mundo, e por máis que o tentei non fun quen de secundalos, e conformeime cun café con leite e unhas bolachas que mercaramos o día anterior en Otxagavía.

Despois de dar conta do almorzo, pouco despois das oito da maña, despedímonos do noso mugalari, e partimos en sentidos opostos, el cara Iruña, e nos cara Hecho, a porta pola que entrariamos a conquista dos Pirineos Aragoneses, cara onde fomos seguindo a autovía que vai a carón do Encoro de Yesa.

Eu aínda aproveitei a hora que nos levou chegar ata alí para acochar un chisquiño na parte traseira do coche, por máis que non teña costume de facelo, quizais porque sentíame a gusto dentro do forro polar, e era demasiado cedo para que as lembranzas doutros tempos, pois non foron poucas as veces que fixera este mesmo camiño polas beiras do encoro, me asolagaran como fixeran con tantos pobos agora mergullados baixo o pantano.

En Hecho tampouco demoramos tanto como para que me viñeran a trabar as pernas as pantasmas, o imprescindible para que o Panette se fixese con provisións para a xornada, mentres Xacobe e máis eu lle tirabamos catro fotos a prazas e rúas medievais, e despois de que lle preguntara á rapaza da gasolineira pola dirección axeitada puxemos rumbo a Selva de Oza, onde comezaría a nosa xornada montañeira.

Fomos subindo a carón do río Aragón-Subordán, en medio dunha frondosa masa forestal, e a estrada foise estreitando ata o mínimo na Boca do Inferno, un canón onde semella difícil que cheguen os raios do sol, o que propicia a presenza de magníficos exemplares de faias e abetos. Semellaba que estabamos cruzando un pasadizo que nos levaría a un reino descoñecido, e a paisaxe que atopamos ó chegar non podía ser máis suxerinte, pois se queríamos montañas, alí tiñamos un bo feixe delas, dispostas a retarnos.

O noso obxectivo era ben visible dende onde deixamos o coche, a carón co antigo cámping de Oza, un farallón de pedra que se alzaba 1250 metros por riba de nós, e non demoramos en saír á súa conquista, aínda que dende alí semellaba unha fortaleza inexpugnable. As nosas costas un feixe de cumios, agardando ser soñados: Txipeta, Anxotiello, Gamueta, Acherito, Petrechema, Mesa dos Tres Reis… Máis nos avanzabamos decididos, internándonos na Selva de Oza, unha fraga onde non tardamos en perde-lo camiño, levando o primeiro susto, que non sería o derradeiro, da xornada. Menos mal que conseguimos chegar á pista fosrestal que vai cara o val de Esparta, o único respiro que teríamos con respecto ó desnivel, xa que unha vez que a abandonamos o sendeiro tornouse cada vez máis vertical.

Os meus amigos semellaban en boa forma, Panette comandando con autoridade, e pronto se foron afastando de min, aínda que tamén facían por me agardar, aproveitando para deleitarse coa beleza desta fraga que semellaba enfeitizada, e coas panorámicas que, as veces, tiñamos da mole granítica do Castelo, que non parecía doado de asaltar. Os meus pes doíanme unha barbaridade, suaba coma nunha sauna finlandesa, e o avance resultábame cada vez máis penoso, a cada paso que daba dubidaba máis de que puidese completa-lo ascenso, e laiábame do paso do tempo polo meu corpiño.

A subida pola fraga levounos algo máis de dúas horas, ata chegar preto do refuxio forestal, a 1.700 metros, nun despexado chan, na divisoria entre os barrancos da Espata de do Berregueril de Acher. Foi aquí, onde os meus amigos, que xa estaban bastante afastados de mín, tanto que non me alcanzaba a vista para atopalos, tomaron un camiño distinto, internándose na meseta kárstica, mentres eu avanzaba pegado as abas da muralla. Pasei preto a brecha de aceso ó cumio, máis non me decidín a ascender pois divisei o fondo do val a unha parella de montañeiros, e pensei que eran os meus, non sabía entonces que xa os deixara atrás e que quedaran agardándome.

A punto estiven, despois de cruzar o val,  e atravesar un caos granítico, en subir pola canaleta de aceso o fundimento da meseta somital, seguindo o sinuosos cresterío entre a Punta de Oza (2.193 m) e o cumio principal do Castelo de Acher (2.050 m), máis desbotei o plan o facer un zoom coa miña cámara e decatarme que ós que estaba perseguindo non eran ós meus amigos. A dor dos meus pes era insistente, máis tamén a sede, pois non levaba auga comigo.

O termino de Acher ven da palabra Haitza (Pena), e aparece noutros lugares próximos como son: Achar de Alano o Mallo Acherito. Os antigos poboadores destes perdidos vales pirenaicos foron xentes de fala vasca que deixaron pegada da sua cultura megalítica en dolmens como los que se observan na área de Guarrinza, fai máis de 2.000 años.

Eu volvín sobre os meus pasos, orientado por unha grea de franceses que baixaban pola brecha de aceso da cara sur, e aínda demorei un bo treito en cruzar o pedrerío, para afrontar, aínda sen moito convencemento o asalto definitivo o Castelo, aínda que algo axudou atopar os meus compañeiros, que me facían sinais de ánimo xa moi próximos o primeiro cumio. Boteilles catro maldicións para que me deixaran unha botella de auga, e iso foi o que me fixo quitar forzas de onde non as había, todo para botar un grolo, aínda que fose dese líquido quente e desaborido.

A reunión, na cota sur, a 2.347 metros, non foi moi agarimosa, pois eu viña con moi mala hostia, esgotado polo esforzo e doente dos pes, e non quixen quitarme a foto pertinente (xa estaba impertinente de máis) nin facer o derradeiro esforzo para acadar o cumio principal, só corenta metros máis arriba, pero no que demorariamos unha hora máis entre a ida e a volta. Miguel e Xacobe celebraron o cumio comendo un bocadillo, i eu poñendo os pes ó aire para enganalos…

“O día seguinte recollo todo, é moito material a cargar, pero nunca deixo nin o máis mínimo resto (excepto o material orgánico), e o peso é brutal. Fabrico unha especie de trineo para aliviar a mochila e descendo ata a lingua do glaciar , onde non me queda máis remedio que cargar todo ás costas para cruzar o xeo, é o derradeiro obstáculo importante, e onde por certo rematou o descenso de unha hora e vinte minutos de Andrzej dende o cumio. 

Superar ese obstáculo tan cargado, levoume tres horas e cuarto (con anterioridade xa o realizara en apenas unha hora, sen carga). Foi moi duro. Despois aínda tiña que realizar un penoso descenso pola pedregosa beira do glaciar ata o Campo Base, un recorrido normalmente de dúas horas mínimo, máis o axudante de cociña do meu campamento agardábame para axudarme. Non pedira axuda, máis aceptei gustoso o ofrecemento. 

Cheguei ó Campo Base a tarde do día cinco, moi cansado, máis moi feliz, ó fin e ó cabo conseguira chegar ó cumio, fermoso lugar estea onde estea, forzara o meu corpo ó límite, sufrindo e resistindo… e sentín intensamente, vivira outro sono e iso é, en definitiva, o que fai que a vida paga a pena, loitar polos nosos soños.”

“Ascensión al Shisha Pangma Central”, SECHU LÓPEZ

Soñara outras veces con este cumio, pois eu son de soños recorrentes, máis nunca sufrira tanto para acadalo, e unha vez alí, tan pretiño das nubes, o soño derivaba en pesadelo pensando no descenso, que tivemos que iniciar sen demora, pois precisabamos tódalas horas de luz que lle restaban ó día e xa non eran moitas. Así que volvinme calzar, para tortura dos meus pes, botei a mochila ás costas, apertei o cu e dixen: veña, vamos!!! máis sen a convición doutros tempos.

Mentalmente dividín o camiño de regreso en distintos tramos, para que cando rematara cada un sentira un certo alivio, e o primeiro xa me custou, xa que se trataba dunha pedreira con bastante desnivel, onde os meus amigos tiñan a axuda dos bastóns, que nese preciso momento prometín regalarme en canto tivera ocasión. A paisaxe adquiría na baixada insospeitados matices, acentuados pola presenza de nubes de tormenta, que esporeaba os meus amigos pola penedía abaixo, erguendo unha capa de po arxentino, aínda que aledeime de chegar o val, e cumprir a primeira etapa do descenso. 

Fronte a nos, alzándose por riba do val, a Faixa de Caznarez, un murallón granítico que semella inexpugnable, tanto como a Faixa de Agüerri, que protexe o cumio do mesmo nome, de 2.449 metros. Os meus xeonllos competindo pola dor cos meus pes, tentando non perder o paso dos compañeiros, aproveitando o respiro que o val ofrecía ó desnivel, antes de precipitarse pola aba da montaña, cara a fraga.

Alí comezou a trotar o Xacobe, que ese día ía por libre, e non tardou en desaparecer an espesura das faias, mentres Miguel mantiña a promesa de non deixarme atrás, algo que animaba o meu tortuosos descenso pola Selva de Oza, coidando de non tropezar e acentuar esas dores que xa eran lexión e espallábanse por tódolos recunchos do meu corpo.

Algo de épico, aínda sen chegar ás dimensións do narrado polo alpinista vigués nas montañas tibetana, tivo para min esa baixada dende as nubes. Descendín do Castelo de Acher perseguido polos meus fantasmas, derrotado polo paso das estación,s que minguara as miñas forzas e engordara o peso da miña mochila, por decilo dun xeito que non faga máis mella na ferida, e envexei ó meu acompañante, que semellaba na mesma forma que cando o coñecín, mentres escoitabamos a Tonino Carotone na Carballeira de Caldas, o carón do río Umía.

Foron unhas horas nas que me abandonou o espírito montañeiro, se algo restaba de el, e maldicín a miña adición polos montes, tanto que decidín trocalo polo encaixe de bolillos ou pola brisca, e ás dores do meu corpiño e da miña alma sumáronse unha sede persistente, de travesía polo deserto, que ameazaba con rematar coas poucas forzas que me restaban.

Nin tan sequera a fermosura da fraga pola que camiñabamos era quen de afastarme das miñas doenza, e as etapas que ía consumindo, a pedreira, o val, a aba, o faial, a pista, semellaban unha sucesión de torturas.

A recompensa, aínda que miúda, foi a de atopar unha ra pirenaica, unha reliquia viva da era glaciar, especie descuberta nos anos noventa, a carón do noso camiño, que posou para nós, preto xa do cámping de Oza, onde nos agardaba Xacobe, que ata tivera ocasión de facer amizade con outro montañeiro,  e más que nada a fonte de auga fresquiña na beira do río Aragón-Subordan, e dende onde contemplamos a impoñente silueta do Castelo sobre a que se inzaba o Arco da Vella, xa que durante a derradeira parte do sendeiro ameazara a chuvia, aínda que non pasou dun lixeiro txirimiri.

Agradecemos podernos mudar de roupa e de calzado, aínda que eu non levaba outro que as sandalias da ducha, beber hasta fartarnos e petiscar un anaco de embutido para enganar ó estómago ata a hora da cea. Baixamos ata Hecho para celebrar cunha cervexa na man e lle metemos dúas rondas preto da igrexa, onde eu probei a autóctona Pirineos, nas súas variedades rubia e tostada, aínda que o Xacobe comezou a protestar xa que tiña fame e xa estábamos en hora de mandarlle algo contundente. Decidimos marchar de Hecho e cear a medio camiño, na localidade de Puente La Reina, aínda que ó chegar alí tampouco vimos claro o panorama e rematamos tirando cara Lumbier, onde contactei con noso mugalari para que nos indicara algún comedeiro axeitado ós nosos petos.

Rematamos no bar onde nos levara Iosu na nosa primeira noite, agradecidos de que, aínda que xa era algo tarde, nos prepararan uns bos pratos combinados a base de patacas e ovos fritos, filetes de lombo e de polo, xamón e chourizo, todo elo regado cunha boa cantidade se San Miguel, e ata lle mandamos un chupito de patxaran co café, como marca a tradición. Regresamos ó noso refuxio de Murillo, descargamos fotos e fixemos quendas de ducha, mentres se preparaban os gin-tonics, que paladeamos acompañados das imaxes da xornada. Aínda houbo quen estirou algo máis, desexoso de seguir os derradeiros pasos de Jesse Pitkman e mister White no mundo. Eu pechei os ollos antes de chegar á cama.

E289 Pico Orhi-Altos de Abodi (Val de Salazar)


Lúa, 23 de setembro de 2013

Despois dunha noite bailando cos meus pantasmas, sombras que se erguen dende os vales e montañas próximos, atrapado nunha carcasa caduca que contén a aquel que, por inocencia e soberbia, chegou a crerse inmortal, como lle pasou antes a outros que sentiron ó doce paxaro de xuventude, e como lle estará pasando a outros agora mesmo, érgome cun arrecendo a pan torrado que ven camiñando canda min dende a cociña do noso refuxio de Murillo. O noso anfitrión, Iosu, xa puxo a leite e o café a ferver, e colocou sobre a mesa manteiga, marmelada e ata uns anacos de sandía. Seica o noso Pondal pensara na xente da súa madeira cando escribiu: “os bos e xenerosos a nosa voz atenden…”, e que non precisemos as palabras sequera para que se adiante ós nosos desexos.

Miguel e Xacobe celebran engulindo todos estes manxares e algún outro que viaxou canda nós, mentes eu confórmome con mollar unha tostadiña no café, mentres o noso guía vai debullando os plans para o noso primeiro encontro coas terras pirenaicas, para completa-lo almorzo o ascenso ó primeiro dous mil da cordilleira, o pico Orhi, e despois de xantar a tortilla de patacas que está ultimando na tixola, paseo polos Altos de Abodi, con vistas panorámicas cara á Selva do Irati, ¡non podía haber mellor xeito de comezar a nosa aventura.!

Mentres os galegos enchemos as mochilas con un feixe de porsiacasos, coma se fosemos a facer unha expedición alpinista, o Iosu leva unha mochiliña ca tortilla e pouco máis, e o seu equipamento tamén marca a diferenza: camiseta da Korrica, pantalóns piratas (iso si, de Trango) e a inseparable txapela.

Montamos no Petetecar entre os ladridos de Chuquelo e poñemos rumbo a Otxogavía, seguindo a liña serpenteante da estrada que cruza o val de Salazar. Polo camiño lembramos aquela acampada invernal, a noite na que pasei máis frío da miña vida, nas beiras de algún afluente do río Zaraitzu, xa fai máis de vinte anos, cando a montaña era para nos outra escusa para troulear, e non camiñabamos cara outro sitio que non fosen os bares.

Dende Otxogavía iniciase unha vertixinosa ascensión cara o Porto de Larrañe, que eu aproveito para botar unha soneca por fascículos, onde volven bailar as lembranzas doutros tempos, non digamos mellores senón diferentes. As aves rapaces sobrevoan o ceo na nosa chegada á Portela, no inicio do túnel onde está situada a fronteira, a muga, aguias reais e voitres leonados, quizais algún quebrantaosos, os de máis envergadura, bandadas de choas, semellantes ós corvos aínda que máis pequenos, e algún exemplar de alimoche, falcón ou milano real.

Para sortear os catrocentos metros que nos arrendan do cumio, collemos unha senda bastante empinada na que quitamos as primeiras panorámicas da Selva do Irati e das primeiras montañas da cordilleira, tamén comezamos a atopar unha variedade sorprendente de flora silvestre: rosas pendulinas, campanillas, cardos, caraveis de porto, aguileñas pirenaicas, ou a belísima Carlina acualis, a espantameigas, que nos tentamos confundir co Edelwais. 

Tamén atopamos champiñóns, lepiotas e outros fungos, que espertan a cobiza de miguel, o noso micólogo, que xa os ve dourándose na tixola na compaña duns allos, isto debeulle de dar azos os meus tres acompañantes que pronto marcaron distancias con este caduco escribidor.

Pasamos a carón dunha balsa de auga, e o mundo pusoxe un algo máis costa arriba, e o Orhi deunos o primeiro agasallo do día, un corzo que atravesou veloz a poucos metros do noso camiño, en sentido inverso, cara o Porto de Larrau, burlandose da miña lenta progresión. 

No camiño tamén atopamos un feixe de remedios caseiros, como o tusilago, usado como expectorante; a milenrama, antiinflamatoria, cicatrizante e reguladora hormonal; o brezo, que sirve para tratar infecións urinarias e actúa como diurético, e a sanguinaria, utilizada para cicatrizar feridas e astringente.

Baixo un morro rochoso agardan os meus, animando a miña subida, con outra sorpresa, unha parella de pottokas, cabalos autóctonos de Esukalherria, semellantes ós gárranos lusos ou ós ponis galegos, de pouca envergadura, máis de forte constitución, habituados ás zonas de montaña.

Atravesamos un sendeiro estreito polas abas do Orhi, baixo a mirada curiosa das rapaces, que en canto nos detemos un chisco valoran se somos comestibles, e despois dunha pequena portela, onde posan os Eivadinhos con certa fachenda, iniciamos o derradeiro tramo de ascenso, sen dúbida o máis empinado, que nos leva ata o cordal que precede ó cumio.

Máis fotos no vértice xeodésio, a 2013 metros de altitude, con vista ó impoñente macizo onde resaltan o Arlas, Anie, Petretxema, e o noso Kamtchaka: Hiru Erreegen Mahaia, que agardamos conquistar algún día destes.

Había algo de vento no cumio, máis o que motivou que baixaramos a lume de carozo foi o temor de atopar a panadería pechada á volta a Otxogavía, e non poder acompañar a tortilla como corresponde, aínda que Miguel demorou un chisco para subir algunha testemuña gráfica ó fesibú, para envexa dos que, a estas alturas, esgotaran os días de vacacións e estiveran penando nos seus centros de reclusión voluntaria.

“Pensemos no preto outeiro de Muskilda, nome derivado de muskil, voz vasca eu designa ós mancuernos: montóns de pedras para sinalizar límites ou lugares especias. Muskilda é outro paso clave entre o val e a montaña, outra paisaxe sacra, coroado dende fai séculos por un santuario románico e epicentro de devocións dende antes incluso.

Baixamos a bo paso ó encontro das abas do Orhi, vixiados polas enormes rapaces que, con desigual fortuna, tentábamos atrapar na nosa memoria dixital, co noso mugalari encabezando o descenso con grandes zancadas, seguindo outra vez pola cara sur, enfrontados á Serra de Abodi, que visitaríamos pola tarde, tentando non demorar demasiado co rexistro de flores e fungos que xurdían por tódolos recunchos.

Xacobe mais eu, aínda así, retrasámonos un chisco marabillados ca fauna e ca flora deste lugar, así como das fermosas panorámicas que nos brindaba a bonanza climatolóxica, e perdemos de vista ós nosos compañeiros, que se desviaron cara o norte para visitar unha pombeira, unha pequena construción utilizada polos cazadores para abater a estas aves sen ser vistos.

Non perdemos tempo en estiramentos, apenas mudar a camiseta mollada e quita-las botas, se por fortuna levábamos (eu non tiven esa sorte) calzado de refresco, e subimos ó coche para que Xacobe fixese unha mostra de condución temeraria cara Otxagavía, que motivou algún susto co seu trazado agresivo nas curvas.

Chegamos a tempo de colle-lo pan  e algo máis, e dimos un pequeno paseo polo pobo, partido en dous polo río Salazar, coas fermosas fachadas brancas, balcóns e fiestras plagadas de flores, e as portas de madeira con curiosos tiradores e fechaduras de ferro, ás que lle quitamos un feixe de fotografías. 

E saímos cara Irati na procura dun lugar sombreado onde dar conta do botín, e pouco tardamos en atopalo, a carón dunha pequena ponte de pedra que cruzaba un río, onde un par de mozas francesas e máis un can gozaban do sombrío.

Ocupamos unha das mesas baixo o abeiro de faias e salgueiros, e as gabachas ocuparon a outra, o Turbolover a piques de entrar en modo revolución ata que se decatou que as rapazas entendíanse ben entre elas, e ademais eran ben brutiñas, pois acompañaban cada bocado con grandes eructos.

Eu o que máis agradecín foi descalzarme, xa que me saíra unha bichoca no talón, que estaba destinada a darme algo de lata nos próximos días, aínda que tamén festexei a tortilla que fixera o noso anfitrión pola maña, a pesares de que o meu apetito non era moito, non coma os dos meus acompañantes que moveron o bigote a gusto, e deron conta tamén do queixo e do xamón que completaba a nosa dieta sendeirista.

Aínda botamos un amago de sesta, estomballados contra o tronco dunha árbore, entre risas e saloucos que nos provocaban os aires brutotes das raparigas, e a envexa do Miguel da furgoneta que as agardaba ó carón do noso vehículo, na que ameazaba con colarse coma polisón.

O Iosu deu orden de recoller, e no momento xa estábamos ascendendo pola estrada serpenteante que se dirixía cara os Altos de Abodi, que nos levou ata o Taplako Pasabideo, o Outeiro de Tapla, onde se inicia o sendeiro do Paso das Alforxas, plagado de gando vacún e tamén de abundancia de cabalos.

Deseguida fixen amizade cunha loura que ben deixouse acariñar, ata que lle empezou a saír unha quinta perna e comprobei que máis ben era louro. Para que non fixeran chanzas comigo collín algo de distancia subindo por un camiño empinado, que debuxaba zetas na aba do monte, e despois de quince minutos déronme caza, onde o desnivel se suavizaba ata desaparecer, inzándonos sen dificultade ó cumio de Idorrokia, a 1552 metros, dende onde vimos o cumio do Orhi, o noso primeiro dous mil da expedición.

Había moitas eguas coas súas crías, e tamén atopamos un grande rabaño de ovellas, sen ninguén que as pastorear, o camiño era ben doado e por el chegamos ó Alto de Abodi, con vistas privilexiadas á Selva de Irati, estendida coma unha gran alfombra ós nosos pes. Semellaba un paseo polas nubes, ben doado e agradecido, de tal xeito que en casqueira momento pensei que se nos aparecería Aitana e Keanu, coma na película.

A paisaxe envolvíanos coma o abrazo dunha muller, con tenrura, e sentiamos que estes primeiros encontros coas montañas do Pirineo, aínda coas máis cativas, xustificaban sobradamente os moitos quilómetros que fixeramos para chegar ata alí. A min pagábame a pena simplemente con ver o sorriso sincero do meu amigo Iosu, que semellaba estar disfrutando tanto como a nós desta xornada montañeira.

“Esta transhumancia bota xa os seus derradeiros alentos. Aínda quedan doce ou quince pastores salacencos que tódolos anos “fan a cañada”, camiñando vinte ou vintecinco quilómetros durante cinco ou seis xornadas, levando unhas 35.000 ovellas en total. Pero moitos tramos pérdense xa entre o mato e a erosión do tempo afectou tamén ós pastores, ó igual que o seu antagonista: o lobo. Este predador poboou os pesadelos dos salacencos durante séculos, pero pagábanse boas recompensas por cazalos e así acalaron os seus ouveos. Do lobo só queda a memoria: aparece no escudo de Zaraitzu, con un cordeiro entre os dentes, e deixa a súa pegada en topónimos como Otsagabia (Otso: lobo).

Os montes de Irati a un lado, Mendizar, Erroizate, Mozolo, co encoro de Irabia os nosos pes, e a outro lado os montes da zona de Roncesvalles, Ortzanzurrieta, Astobiskar, Txangoa, e fronte a nos o cumio do Orhi, coma unha nave nodriza, trala que se ergue o resto da Cordilleira Pirenaica, coma un exército inexpugnable. Polo lombo do outeiro camiñamos en medio dun feixe de dentes de pedra, e a piques estamos de errar a nosa dirección, aínda que a sinalización non tarda en aparecer, indicándonos a presenza dun gran menhir de Arrizabala, agora tombado, no Paso das Alforxas. Unha certa maxia respirase nesta paraxe, e os meus amigos déitanse no penedo para tentar captar a súa enerxía.

Dende aquí o sendeiro da un xiro de 360 graos, e baixa paseniñamente cara a unha extensa fraga de faias, e polo camiño atopamos grandes concentracións de crocus nudiflorus, o azafrán silvestre, e tamén das hortigas pirenaicas, especialmente perigosas para os que se atreven a camiñar por aquí con pantalóns curtas, como o noso guía. O tramo do faial semellounos curto, pois era de gran beleza, e o saír o claro perdemos o sendeiro, camiñando entre manadas de vacas e cabalos, onde abundaban as crías, o que motivou que quedara algo afastado do resto do grupo, empeñado en atopar algunha imaxe bucólica e pastoril.

Non fixemos máis de sete quilómetros, máis os meus pes xa estaban pedindo repouso, eran moitos os pasos que restaban por dar nos próximos días, e non estaba moi convencido de cómo evolucionaría o tema. Neses momentos so quería quitar as botas e tomar unha cervexa fesquiña no primeiro bar que atopasemos, aínda que tiven que agardar a que a nosa xentiña fixese os seus estiramentos e tirase as ultimas fotos ós cabalos que pastaban no Outeiro de Tapla, entre os que estaba o amigo que fixera a nosa chegada.

Volvemos parar en Otxagavía, onde fixemos algo de compra e tomamos a tan ansiada cervexa, que penso que nos soubo a gloria bendita a todos nos, sentados nunha terraza onde se derramaba, con gran beleza, o alento crepuscular do sol. Era o remate perfecto a este primeiro contacto cos montes navarros, onde, para a miña sorpresa, descubrira novos camiños, pois a pesares de que xa pasara un feixe de veces por alí nunca subira ata o Orhi, nin os Altos de Abodi, aínda que máis sorpresa foi descubrir que o noso anfitrión tampouco o fixera.

Xa comezaban as tebras a lamber o val de Salazar, cando volvíamos ó noso campo base de Murillo, facendo plans para o día seguinte, no que as expectativas eran ben ambiciosas, pois tentaríamos subir o Castelo de Acher, que eu xa coñecía ben, ou polo menos iso cría.

A nosa primeira cea no refuxio de Murillo foi o preludio das grandes paparotas que verían despois, e estivo precedida das quendas de baño, pois todos precisabamos dunha ducha para sentarnos algo presentables á mesa, así que mentres uns se dedicaban o seu aseo persoal, outros poñían os pratos ou se afanaban coas tixolas. O resultado foi unha fonte de filetes de lombo empanados, tomate con allo e máis escarola, e uns pementos fritos que sabían a gloria bendita, todo elo regado cun viño que, sen ter unha denominación de orixe especial, deixábase beber, tanto que nos fixo debullar os primeiros sorrisos, mentres parolabamos sobre as nosas fazañas recentes e futuras.

Na sobremesa o Iosu andaba algo amolado co seu estreo na tecnoloxía 3G, e Panette tentaba polo ó día no manexo dos androides, mentres o noso industrial renegaba do feisbuc e outros inventos do diaño, e abrimos a barra para mandarlle uns gin-tonics tan ricos, ou máis, cos de A Reserva, que axudaron a animar a conversa sobre a actualidade política do país, máis que nada deste país que tan ben nos acollía, de mans dun portavoz ben cualificado. 

Arrastrámonos polo pasillo coma pantasmas, na búsquea de ese soño reparador que habería de chegar en canto nos meteramos no leito, houbo quen aínda lle quedaron forzas para estirar, máis a min non me deu nin para chiar, o día seguinte tiña que enfrontarme a un xigante, e sabía que tiña todas as de perder.

E288 Sendeiro da Freixa (A Lama)


Estivera alí e non me lembraba. Fai anos, con outros senderistas descubrín esta ruta, unha parte dela, en concreto as fervenzas, e non me lembrei ata que ó final do sendeiro as ollei e trouxéronme moitas lembranzas: A Ruta da Freixa, preto de Pontecaldelas e A Lama, aínda na provincia de Pontevedra.

Ese día Anxo e mais eu acordamos (se cadra un pouco tarde), facer a ruta dos Eivadiños, aínda que non viñera ninguén mais. Fixemos a parada de rigor na Amaquía, con cafés e sándwichs e tiramos cara o pobo de Liñares, de onde partía a ruta. Eu penso que eran as dúas máis ou menos cando comezamos a andar, e xa cruzámonos ó comezo cunha parella xoven de domingueiros que ían de “piquenique” polo medio dos toxos. Aínda rimos pensando onde irían parar.

E pola ponte romana, cruzando o río, puxémonos xa en ruta cara á parte máis alta da montaña, camiñando polas pistas repletiñas de flores de toxo e xesta que tinguían de amarelo toda a ladeira. Fermosa paraxe. Logo dunha longa camiñata polo alto, descendemos até o pobo de Cortegada, onde aínda ía o alcalde a pegar polos farois os carteis de corte de auga e avisos varios, a modo dos tempos de antes.

Alí ollamos algo que nos sorprendeu: un pequeno santuario, preto da fonte do Xeixiño, ben coidadiño e mantido polos feligreses do pobo. Dende alí, e polo medio das casas, o sendeiro levounos ata o río e a central hidroeléctrica, da que nos apartamos para poder comer. Eu sempre digo que neses intres prefiro un sándwich nun lugar así que unha mariscada no mellor dos restaurantes (será tamén que o marisco non me enche moito). Alí, ó carón do río, mollando os pes na fría auga, co soniquete de fondo, sentados nunhas enormes pedras, comemos, tiramos fotos e fixemos unha pausa para retoma-lo sendeiro de novo.

Aínda camiñamos un ratiño por un bosque ata cruzar ó outro lado da ladeira, polo medio dun pobo que se atopaba no val e no que uns cans ameazaron con morder a Anxo por valente. E aí comezamos a subir ó alto ata o salto de auga, camiñando logo por unha levada. As vistas eran ben fermosas, unha vez arriba, e superar os obstáculos que a natureza deixou por mor da chuvia, ata resultaba divertido, aínda que a piques estiven de caer polo monte abaixo. Entre toxos e xestas que fixeron o seu nas pernas chegamos ata as fervenzas, coa súa paradiña de rigor, uns para bañarse, outros para pechar os ollos e envolverse no son da auga. Despois do descanso, no que Anxo fartouse de tirar fotos, continuamos o camiño cara ó noso destino entrando por outro lugar no mesmo pobo que horas antes nos viu saír.

Certamente rematei cansa e a ruta non fora longa, se cadra porque facía xa uns domingos que non ia camiñar. Pero aínda había folgos para facer unha paradiña en Pontecaldelas. Sorprendeunos que o pobo estaba en festas e aproveitamos para parar e beber algo antes de continuar cara á cidade.


Penso que estas xornadas poñen o perfecto punto e final a semana que remata e o punto seguido á que comeza, e sen ganiñas ningunhas de entrar na cidade despois de tanta natureza que regala as súas lindezas ós nosos ollos.

E287 Roteiro de Donón (Cangas do Morrazo)

Sol, 5 de mayo de 2013
Era unha xornada estraña porque non era presumible que saíra a camiñar tendo en conta que tratábase do día que algúns denominaron "do Corte Inglés": para min este, coma moitos outros, era o dia da nai. Pero aínda que moitas veces movéronme motivos suficientes para saír á andaina dominical aínda que chovera ou estivera dun humor de cans, hoxe tiña grandes razóns e de moito peso para comer coa miña queridísima nai. 
A pesares diso, Anxo e Panette agardaron por min amablemente, para que lles alcanzara no percorrido da tarde polo Morrazo... que boa idea tiveron! E non saben o que lles agradecín que me acolleran... rematei a sobremesa cando eles estaban co café, collín o meu coche e “planteime” tan rápido coma puiden no destino: Donón e a Costa da Vela.
O chegar alí, Anxo xa estaba coa súa cámara fotografando un enorme lagarto mentres Panette o observaba coa serenidade que lle caracteriza. Uninme ó grupo e puxemos rumbo ás dunas de Barra. A ruta, en parte, era descoñecida para min, así que estaba curiosa e ansiosa por saber o que me atoparía. 
Entramos na praia dende un conxunto de casas onde Panette pasaba gran parte dos seus veráns e relatábanos, dándonos certa envexa, as súas aventuras nesa etapa da súa vida. Fomos descendendo entre verxeis, oasis, muíños de auga fresca... todo o que ollabamos estaba en plena bulir, pola chuvia deste inverno. A flora estaba esplendorosa, así o dicían tamén os meus compañeiros, daba a sensación de estar en plena sabana, con tigres, leóns e gacela incluídos (representados tamén en cada un de nós). 
Despois de facer unha paradiña no muíño de augas frescas para tirar unhas fotos, fumar un cigarro, refrescarse ou charlar sen máis (Panette ¿en qué quedou ese concurso de facebook do que falamos sobre as preguntas e respostas que posibles interasadas/os poidan responder?), continuamos cara ó claro das dunas e as charcas que aínda estaban no camiño. 
Unha servidora xa dende o comezo mollara as deportivas, pola outra banda pouco apropiadas para unha camiñata... Pero pouco importaba porque ó fin o astro sol bendicíranos coa súa presenza. 
Despois de ver a Anxo trepar a unha árbore, e sobre todo rirnos ó ollar coma tentaba o descenso, chegamos á praia de Barra e camiñamos pola marxe da costa sobre as rocas continuando ó longo... desfrutando das marabillosas vistas desa praia de ensono. 
Dende alí chegamos a unha salina antiga onde aparte de rir, pasei o susto da miña vida... corrín coma o vento para esquivar un, en teoría, posible xabarín morto que logo resultou ser un saco de percebes tan podres coma o cheiro que podería votar o "suposto" animal. Rir, rimos un rato pero o pellizco que lle din a Panette para que me deixara pasar diante aínda debe doerlle hoxe. 
E tras ese camiño chegamos ó noso primeiro cabo e faro: o Cabo Longueiron, dende onde sacamos unhas cantas fotos da "fauna" animalohumán que alí habitaba un domingo desas características... outro bo rato para rirmos ollando a femias con tacóns e mozos sufridores tentando rescatalas das alturas entre a verde pradeira. 
Despois dunhas instantáneas e de ollar o mar con esa tranquilidade que aportan as augas ós que somos de costa, baixamos un ratiño monte abaixo cara á praia de Melide, alí fixen un repaso na miña memoria trasladándome á tempos nos que acampaba coa miña nai e meu pai, ata o meu irmán estaba alí connosco... ¡qué tempos doces e canto me gustaba pasar os días alí, pegadiña á praia! 
Logo de deixar atrás a praia seguimos cara o seguinte cabo e o seu faro tamén, o de Robaleira, e dende alí Anxo xa nos tirara fotos ó Panette e a min mentres prohibía que colleramos as plantas de namorar do monte, o que eu entendo, porque para iso están alí crecendo, pero Panette mais eu collemos cadanseu puñado a escondidas coma raparigos mentres agardamos máis que un intre polo fotografo da expedición.
E os dous tomamos rumbo ó Faro de Cabo Home e alí falamos e calamos, respiramos o ar e agardamos polo Anxo, que andaba polas rocas arriba e abaixo, nunhas curiosas formacións que o mar e o vento fixeron.
Despois todo o camiño da pista deixounos ollar ese horizonte que non se sabe onde remata e que fainos parecer pequeniños nun solpor abraiante.
Rematamos a xornada comendo un bocado e bebendo en Hío, esgotados pero ledos de compartir unha xornada máis verbas, sorrisos, pasos e confesións.

CRONICA DA TARDE, PARA DOUS PAXARIÑOS

O monte dos remedios cando non ai festa, dorme na compaña dos paxaros e fala co vento.

Mentres procuraba o atardecer calmoso ía descubrindo o vivir da xente, na parroquia de quinteiros ateigados de arbores con froita, alimento para os humanos e os paxaros.

Tiran, Tiran, que gardas para ti as lúas cheas que adornan a ardentía no mar, no teu mar farturento e cheo de penedos, berce de vellos mariñeiros.

Estaba en estas cando recordei que hoxe recibín un sobre de parte de Sonia e Anxo, dentro atopei un papeliño escrito moi agarimoso e as fotos que xa son memoria dun sábado no cal nos deixamos engaiolar pola maxia da Mangallona e da creación de Camaño, amigo de loitas e cuncas de viño.

Fotos que nos levan a Érmelo, de cumprida obriga visitar a Esculca antes de sentarnos a mesa, e revivir no padal os sabores da ría e da terra,  tradición que xa ven de vella e non iamos a ser nosoutros quen de non respectar . O que dixen fotos dunha tarde que foi vida, onde repasamos as anécdotas da rapazada nos tempos de caldeiradas, cando os cans eran familia, os gatos coellos e Berducedo un mundo.

Fotos que tamén dan testemuña de outros colegas que por bou e non bou, deixaron o barco, pero ai estabamos nos para darlle a proa o vento.    

No sobre viña un DVD , que estes amigos, perdón , estes Eivadiños dos camiños enlamados e balos centenarios, tiveron a ben de agasallarme “ O SEGREDO DA FROUXEIRA “ . Sabedes coma min que queda moita memoria , moita loita, moita historia por contar . Xa sabedes que os que andamos en algunhas lerias, temos case que todo o tempo habitado. De ai que “ ARRAIANOS “ queda para outra.

Prométovos que vou ver o DVD, que seguro se aprenden cousas, por que sempre se aprende. Agradecido xa o sabedes . Permitirme que vos diga que en certa ocasión estiven no Monte da Frouxeira, onde prenderon a Pardo de Cela, no Valadouro , Lugo. Toquei aqueles restos de historia, saltei polos penedos colosais,empapeime na nosa historia , porque so así a podemos coñecer e entender.

Despois de facer unha ducia de recados saquei o caderno e a caneta e me puxen a escribir estas letras que xa son vida, tamén parte de vos.


Xa fai fresco aquí a beira da praia do Canabal, antes aínda andaban por aquí algúns namorados e catro mariñeiros, hoxe van quedando menos románticos e que dicir dos mariñeiros si as gamelas dormen o soño eterno desde fai algúns anos, xuntas baixo un caseta so escoitan a musica do mar e o cheiro a salitre, quizais iso sexa o que non as deixan podrecer.
Xa me estou abrandando, apertas e bicos, bicos e apertas neste xoves chamado de corpus, segundo os curas . Grazas por todo, por unha tarde de sábado, pola tardiña en Érmelo, polo sobre sorpresa cheo de vida que xa nos habita os tres.

“ Agora so queda que un día me presentedes a unha chavala, ata os cincuenta e chavala , broma “. Apertas de Buxo desde Tiran.


Unha noite escoitei o grito dun neno no fin do mundo
quería unha cometa, feita coas cores do arco da vella,
saín nun barco pirata e sen luz naveguei polo mar escuro
ata a illa onde o neno agardaba, xogamos coa cometa días e noites,
o vento se volvera tolo e nos mais ou menos.          

                                               Luís da Roxa , primavera 2013, Tiran .

Chans de Cachón


Nesta estraña e fértil primavera , o cuco cuqueiro   
cantou un domingo pola maña nas Chans de Cachón ,
onde a vida corre sen presa .

Os ollos quedan abraiados o ver desde o alto o pobo ,
a ría de Vigo, as bateas de mexillón, o barco que
une a nosa vila coa cidade desde fai moitos anos .

A natureza en estado puro , foi ciscando flores brancas
cubrindo as polas das cerdeiras, cores que se mesturan con
as xestas, toxos, carrascos, estripeiros ... son as cores de Cachón .

Vellos camiños feitos polos nosos devanceiros, onde os carros
de bois deixaron a súa pisada que nos levan a través do monte
os concellos do Morrazo .

Estas chans aínda gardan vellas tradicións, ata alí van os veciños
a recoller o toxo, hoxe con maquinas para cortar e tractor para carretar ,
os carros xa dormen un sono profundo na nosa memoria .

Caneando polos nosos montes, aínda atopamos lugares
onde a natureza espárrama todo o que ten no seu interior
e o comparte con nos . Lle debemos respecto, cando menos .





                        Luís Chapela Bermudez , verán 2012 , Tiran 

Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro




Vexo contigo estes ceos,
Vexo estas brancas auroras,
Vexo estes campos froridos
Donde se arrullan as pombas,
I estas montañas xigantes
Que aló cas nubes se tocan,
E o mesmo amor,
Rosalía, lévame, lévanos,
polos pés, defender BELEZA.

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que o Galiñeiro somos nós, os que aquí vivimos, os que por aquí pasan, todos os que alentan, os que xa non son, os que están por vir. Porque non é verdade que se poida xebrar a paisaxe da ollada, o mundo do individuo, porque todos facemos parte dun magma indistinto, dunha lea confusa, dunha fusión caótica e plena. Marcados polo amor, estamos, obrigados a honrar a vida

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que nos cómpre ser razoables, que nos urxe ser, radicalmente, razoables

Contra o capitalismo planeticida

Contra a corrupción e a cobiza

Contra a estupidez humana.

Os que hoxe estamos aquí tomamos a estraña decisión de deixar de calar ante as lentas coiteladas á paisaxe, unidos para berrar NON, para cuestionármonos, coa maior honestidade posible, o modelo de sociedade no que estamos. 

Minas para que? Minas para quen? A quen aproveita? Que escasísimas mans recontarían con usura os beneficios? 

Balsas de veleno, patas de rata sobre a herba seca.

Baixo os nosos pés, baixo a codia verde, tralo manto que ser renova incesante, pemanecen silandeiros os minerais: o feldespato, o cuarzo, a moscovita e o berilo, a turmalina e a pirita, o cacoxeno e o almandino, a riebeckita … Velaquí están debaixo e ao carón de todos nós, embutidos na terra negra, velaquí estan desde hai miles de anos están, antes de que o home fose home.

Esta xeoloxía singular, esta riqueza, é agora obxecto de desexo. Nalgún despacho afastado algún directivo dunha gran multinacional comeza a matinar no expolio. Catas de prospección. Terras raras. Cobiza depredadora. Itrio e escandio para fabricar baterías de obsolescencia programada. Lixo planetario. Capitalismo planeticida.

Qué ben que a bomba ven co seu rebombio, Celso Emilio, a bomba con aramios, con formigas, a bomba con lombrices, bombardinos, vermes de luz, bombillas fluorescentes, peixes de chumbo, vómitos, anémonas, estrelas de plutonio plutocrático, esterco de cobalto hidroxenado, martelos, ferraduras, matarratos.

Luz e progreso en todas partes confundindo valor e prezo, profanando en aras dese mellor dos mundos posibles, cada vez máis cativo, máis miserento. 

Neste momento de crise mundial no que o foxo entre os ricos e os pobres se axiganta, neste momento no que a corda se tensa ata o límite da resistencia cómpre dicir NON, cómpre atreverse a rexeitar a esmola dun modelo económico voraz e insostible, cómpre plantar cara. Somos nós, os cidadáns conscientes, as plataformas cívicas os que debemos abrir liñas de combate, en nós florece xa un tempo novo de activismo e dignidade.

Horizontalizade, músculo cívico, AMOR para defender BELEZA, todos xuntos amparando a Serra do Galiñeiro, amparando a vida do carrasco da turbeira, da azulenta, da saramaganta, da rá patilonga, do cabalo do monte, do picanzo real, do pedreiro cincento. Todos xuntos honrando os lugares sagrados dos devanceiros a Cova da becha, a Lapa da Moura, a Auga da Laxe, o Chan das Moutas.

Acolá están as illas Cíes, preservadas xa como espazo natural, aquí está a serra do Galiñeiro que aínda treme e se espanta, que se degrada aos poucos ferida pola ameaza das aspas metálicas dos aeroxeradores, pola plantación masiva de eucaliptos e acacias, polos vertedoiros de lixo e entullo, polas pistas de asfalto, polas canteiras ilegais… 

Cómprenos parar esta miseria!

Cómprenos berrar NON!, é urxente, é radicalmente razoable.

A forza comunal debe dar froito, debe varrer as macilentas sombras, grilos de ferro arrastrando. Nos, os conxurados, somos unha onda que medra, que se estende e alaga, connosco vai o futuro.

Somos serra!

REXINA VEGA


Seguidores