E12 Trilho das Lages Altas (Paredes de Coura)



Domingo, 17 de decembro de 2006

Recuperamos os motivos polos que paga a pena abrir os ollos a un novo amencer, para que o inventario co que nos enfrontamos ós diversos problemas que nos plantexa a tolemia cotidiá, á monotonía dos horarios obrigados, ós desaxustes entre nóminas e facturas, ás cicatrices do desamor ou da nostalxia, ou ós destrozos que o tempo vai facendo no noso corpo, incline a báscula a favor das ganas de continuar andando estes días.

Unha simple cerimonia como a de reunirse media ducia de individuos para contar e escoitar historias, para celebrar ese estraño rito que reunía en torno ó lume ós nosos antergos cando as palabras aínda non tiñan forma escrita, supón outra suma de razóns para combater esa sombra que se agocha en todos aqueles momentos nos que non somos máis cun barco á deriva, impotentes ante a inminencia do naufraxio. A maxia de compartir palabras, en compaña dun cardume de seres queridos, impulsa os meus dedos a precipitarse unha vez máis sobre as teclas, para insistir nas crónicas destes domingos nos que insistimos en seguir sementando pegadas.

Como na xéneses desta colección de pasos e voces, cando xerminamos amizades entre sendeiros, comidas e contos, citámonos os mesmos que compartimos a noite anterior festexando as lecturas que cada quen tiña gardadas máis ou menos preto da alma.

O noso anfitrión, Xurxo, excesivo en hospitalidade e afecto, entusiasta das reunións gastronómicas, veladas literarias e convocatorias sendeiristas, recóllenos no lugar e hora convidas, para poñer rumbo a onde a terra chámase Paredes de Coura. Nacho e Montse, os nosos tesouriños, tráense un abrigo de caricias para protexerse do ceo e non paran de sorrirse cos ollos e coas mans: non podemos evitar que nos recorra unha cobiza doce polas veas. E Zalo ven co seu recente titulo de Emperador, e non é para menos coa cantidade de terras conquistadas e os exércitos que acoden a súa chamada.

Mentres as nubes comezan a destilar os seus zumes sobre o asfalto, descontamos os quilómetros que nos afastan doutra boa ración de arroz malandro con panados, aínda que cando chegamos ó Stop Nacho e Xurxo pásanse polo forro a disciplina de partido e o centralismo democrático, e se arrendan para probar o cabrito, eso si, moi ben guarnicionado coa súa provisión de arroz, verdura e patacas, nunha desas pequenas traizóns que como se verá despois traerán traumáticas consecuencias.

Co bandullo cheo de algo máis consistente que as bolboretas, salvamos a distancia que nos afasta de Formariz, onde temos pensado engadir ó noso imaxinario colectivo outro dos sendeiros que as autoridades courenses tiveron a ben marcar para o noso disfrute, neste caso o Trilho das Lages Altas, que pola súa lonxitude e duración amoldase as nosas especiais circunstancia de grupo que fai a dixestión mentes camiña, para que a sangre tamén se alimente de terra e de vento.

Chegamos á Ermida da Nosa Senhora de Irijo, en Formariz, grazas ás indicacións dun par de seareiros que tamén van ó mesmo destino. Coa vantaxe que nos dar ir motorizados, mentres os paisanos avanzan como sombras baixo unha delgada pátina de chuvia polo asfalto, entregámonos ós estiramentos obrigatorios para evitar que sigan sumando lesións ás que xa nos habitan, dun xeito máis ou menos permanente. Os carballos que nos amparan e que soportan tamén algunha aperta gratuíta, segundo nos explica o mesmo seareiro ó que lle preguntamos fai un momento por este santo lugar, foron plantados polo seu avó fai máis dun século, aínda que non teñamos unanimidade no seu crédito, e nada máis comezar a multiplicar pegadas xa temos os primeiros elementos de polémica.

Este pequeno debate, nos inicios do sendeiro, pode que explique o que comecemos errando o sentido da nosa marcha, e que non sexamos quen de interpretar as curvas do noso mapa ata ben avanzada a tarde, e sigamos confiados nas marcas que por unha pista de terra nos internan nun bosque de eucaliptos, onde son patentes os estragos causados polo lume. Atravesando unha zona repoboada con esta especie tan nociva para o ecosistema das dúas nacións que se enfronta en primeira liña ó Atlántico, mentres facemos balance das historias e manxares que saboreamos na noite anterior, chegamos a un camiño onde as especies autóctonas comezan a asombrar o camiño, furado entre paredes de terra e verdes pastos.

Confiados en que son certos os nosos pasos atopamos un sinal que confirma o sendeiro elixido e a confluencia co Trilho das Garças, que vai en dirección contraria, polo que nos deleitamos avanzando por un chan alfombrado de follasca, mentes vemos as casas e campos do preto pobo de Cotaleira. As pedras centenarias que separan o camiño das terras de pasto e de labranza están cubertas de delicadas capas de lique, brión e couselos, e outra vez non podo resistir ese afán de atrapar un anaquiño de presente, para convertelo en imaxes dixitais, poñendo a proba a paciencia do pequeno destacamento guerrilleiro.

Reunímonos nunha pequena mina que forma un estanque sementado de outono, onde volvo deter o tempo conxelando os reflexos deste feixe de debedores do meu afecto, aínda que algún deles véxase tentado de romper este cristal líquido e desfacer os meus retratos. Por esta vez o Emperador mostrase magnánimo, e podemos continuar o noso catálogo de pequenas lendas mentres as nosas solas imprimen os seus debuxos sobre os territorios humedecidos por esas lágrimas intermitentes que se derraman dende o ceo.

Volvemos desbotar os prognósticos meteorolóxicos e xa non nos asustan as isóbaras despois da conquista do Galiñeiro, na anterior edición destas aventuras dominicais, e así chegamos á estrada que ven dende Paredes de Coura, e ás primeiras casas que ben poderían competir coas do outro lado da raia nun catálogo do feísmo.

Por un camiño empedrado que discorre tras estas mostras da arquitectura menos amable chegamos ó cruce de Amieira, onde hai outro deses iconos que me lembran insistentemente ás portadas dos discos de black metal, un peto de alminhas, con anxos xusticeiros brandindo espadas de lume ante os horrorizados penitentes e baixo a mirada triste do crucificado, e volvemos camiñar o asfalto para cruzar o Ribeiro das Poldras, pola Ponte da Rabuda.

Dende as súas pedras centenarias observamos os prados esmeraldas polos que o río vai deixando o seu inconfundible rastro de árbores característicos da ribeira, como bidueiros e salgueiros, e tamén vemos as ruínas de dous grandes muíños, onde antano moíase o millo e o millo-miudo, este último aínda cultivado na freguesía de Cunha, na que nos internamos, xa que a ponte separa esta da freguesía de Resende.

Amólame non baixar ó río, e buscar a fervenza que figura no noso mapa, pero me entretiven demasiado coas panorámicas e perdín de vista ó grupo, polo que apuro o paso e intérnome no monte, seguindo as marcas do sendeiro. Aínda non sei que me estou metendo no Trilho dos Combatentes da Travanca, e que estamos afastándonos do bo camiño, pero estou mais inquedo por enlazar outra vez cos meus amigos que por buscarme no mapa, e cando comezo a recoñecer a bela fraga pola que me interno creo, como os que me preceden, que se trata dun deses tramos comúns que abondan na labiríntica rede pedestre deste territorio con alma.

Cando nos atopamos xa temos á vista amplos campos de cultivo, e chegamos á estrada que nos leva á poboación de Codeçal, na freguesía de Cerdeira. Aquí temos un feixe de dúbidas, pois no cruce temos marcas en ámbalas dúas direccións, e despois dunha breve deliberación decantámonos pola opción da esquerda, que transcorre polos mesmos camiños polos que camiñamos na primeira vez que estivemos, neste formato de domingo a tarde, transitando por estas paraxes. Pero xa ninguén vai convencido, e os nosos pasos son reflexo das nosas dúbidas, mentres deixamos atrás as casas e os prados, e atopamos outras casas e outros prados no lugar de Lisouros, dende onde divisamos a Capela de Santo Estevao.

Neste pobo logramos asombrar ós seareiros, preguntando como chegar á ermida de Irijó, e indicándolles que vimos deses mesmo sitio. Non entenden porqué non damos media volta e desfacemos o camiño, si o que queremos é volver ó punto de inicio. Para eles o máis normal é ir e vir polo mesmo sendeiro, pola opción máis curta, e non dar un rodeo para non pisar as mesmas pegadas. Non conséguemos quitar en limpo máis que a nosa propia derrota, e temos que volver ó cruce onde había marcas nas dúas direccións, para tomar a da dereita, cara Ventosa, aínda que este topónimo non apareza na nosa carta xeográfica.

Tampouco aquí o vemos nada claro, e a néboa vai tecendo sobre nos un manto espeso que engade máis dificultade ó noso empeño, co que decidimos volver á Ponte da Rabuda, para ver si somos quen de atopar o camiño verdadeiro. Por si fora pouco parece que o cabrito ten efectos secundarios, e Nacho ten urxencia por unha coca cola, en fin, eses momentos nos que todo se desmorona. Por si fora pouco non nos pomos dacordo na dirección que temos que tomar unha vez que chegamos ó río, e as malas linguas falan de bicéfalia e de varios emperadores. Paciencia, e ó final volvemos cruzar o Ribeiro das Poldras, pero nin rastro das marcas, aínda que recorremos un pequeno tramo de bosque con encanto, co bater furioso da auga uns metros abaixo.

Aquí caemos na conta de que fixemos o sendeiro en sentido contrario, e facemos un alto no camiño para baleirar o termo de café (e unhas pingas de crema) que levo na mochila para facer fronte ós motíns, e decidimos volver desfacendo os nosos pasos, ante a inminencia da noite.

Con bo ritmo retirámonos, vencidos polos nosos propios servicios de información, mentres vamos contando historias da puta mili, pero con ganas de volver dar a batalla neste territorio que levamos escrito coa tinta que se imprimen os nosos soños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores